2 de xan. de 2018

GALICIA

71 persoas con enfermidade mental acceden a un emprego no 2017 grazas ao Programa Incorpora 

• A través deste programa de Obra Social “la Caixa”, FEAFES Galicia realiza un achegamento ás empresas para favorecer a inserción laboral dun colectivo discriminado no mercado de traballo. 

• No 2017, FEAFES Galicia atendeu a 361 demandantes de emprego, visitou 72 empresas novas e realizou 8 convenios de colaboración con estas ao amparo do Programa Incorpora.

Incorpora 2017:firma colaboración con AGACA
Foto: FEAFES

Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela

 Incorpora Galicia é un programa de Obra Social "la Caixa" para a integración laboral de colectivos en risco de exclusión social do que forman parte oito entidades sociais galegas. A través de Incorpora, as entidades forman ás persoas a partir das necesidades das empresas e capacitan aos profesionais á medida dos seus empregadores.  

 FEAFES Galicia forma parte do Grupo Incorpora da nosa comunidade, realizando deste xeito accións para favorecer a inserción laboral das persoas con enfermidade mental. A través deste programa, FEAFES Galicia ofrece un servizo integral gratuíto con técnicos de inserción laboral que proporcionan todo o asesoramento necesario para a empresa, así como pleno apoio en todas as fases do proceso: dende a selección ata a completa integración no posto de traballo. 

 Durante o 2017, ao amparo deste programa, FEAFES Galicia atendeu a un total de 361 persoas con enfermidade mental en busca de emprego e xestionou 116 ofertas de traballo, as cales supuxeron 112 inserción laborais de 71 persoas, 41 delas mulleres e 30 homes.  

 En canto á relación coas empresas, durante este ano FEAFES Galicia visitou 77 empresas que xa viñan colaborando coa entidade e outras 72 novas coa fin de informar e asesorar aos empresarios sobre a contratación de persoas con enfermidade mental. Destas novas empresas, 8 asinaron convenios de colaboración con FEAFES Galicia durante o 2017. 

 Saúde mental e emprego 

 Segundo o censo da Consellería de Política Social, en Galicia hai 55.124 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental. De todas elas, menos do 5% teñen un emprego estable, e case a metade deles asegura ter sufrido algún tipo de discriminación laboral.  O traballo non é só unha fonte de ingresos e de independencia económica, senón que tamén é un factor estabilizador e integrador que identifica ás persoas como cidadáns, como elementos activos da sociedade. Ó igual que lle sucede ó resto da sociedade, as persoas con trastornos mentais ven no emprego un camiño cara a normalización, pois trátase dunha fonte de identidade que ofrece sentimentos de utilidade e motivación. Ademais, neste caso, o traballo ten unha función terapéutica, substituíndo o rol de enfermo polo rol de traballador.  

 A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, aposta firmemente pola integración laboral das persoas con enfermidade mental como un elemento normalizador, defendendo e demostrando a valía deste colectivo e as súas capacidades para integrarse plenamente na sociedade. Grazas á bolsa de emprego da entidade, no 2016 realizáronse 391 contratos de traballo aos que accederon 213 usuarios, dun total de 2.712 persoas beneficiarias do Servizo de Emprego. 

 FEAFES Galicia 

 A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 5.900 socios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario