24 de out. de 2017

VAL MIÑOR

A Secretaría da Muller da CIG de Vigo pecha a formación en igualdade 2017 cun Encontro entre Mulleres e Palabras 

A iniciativa, na que participaron recoñecidas autoras, tivo lugar en Nigrán a pasada fin de semana  

Na iniciativa participaron recoñecidas autoras dentro da escrita, tanto no eido da poesía como da narrativa
Foto: CIG 

Infogauda / Nigrán

 A Secretaría da Muller da CIG de Vigo puxo fin a unha nova edición do programa de formación en igualdade cun Encontro entre Mulleres e Palabras que tivo lugar esta fin de semana na residencia de ocio e tempo libre de Patos, en Nigrán. Na iniciativa participaron recoñecidas autoras dentro da escrita, tanto no eido da poesía como da narrativa. 

 “Durante esta fin de semana aportamos as nosas sabidurías individuais para enriquecer as nosas sabidurías colectivas através das palabras”. Así define Rosa Chantada, secretaria da Muller da CIG-Vigo o encontro celebrado en Nigrán no marco do programa de formación en igualdade. Tratouse dunha iniciativa destinada a lograr o empoderamento das mulleres mediante as palabras na que participaron recoñecidas autoras como María Reimóndez, Rosa Martínez, An Alfaya, Marta Dacosta, Su Garrido Pombo, Dolores Ruíz, Susana Sanchez Aríns, Eva Mejuto ou Cruz Martínez. 

 O programa de formación en igualdade 2017, que unha vez máis se celebrou coa colaboración da Concellería de Igualdade de Vigo, celebrouse nesta ocasión baixo o lema 'Empoderamento das palabras' e constou de catro obradoiros e dun Encontro entre Mulleres e Palabras, onde se compartiron experiencias e actividades con autoras recoñecidas dentro da escrita, tanto no eido da poesía como da narrativa. 

 Segundo explican dende a Secretaría da Muller da CIG-Vigo, o obxectivo é usar as palabras coma unha ferramenta para o empoderamento. Ademais, nos diferentes obradoiros puidemos coñecer a autoras como María Reimondez, Ledicia Costas, Eva Mejuto, An Alfaya, Dolores Ruíz, Rosa Martínez, Marta Dacosta, Cruz Martínez, Berta Davila, Susana Arins, Eli Ríos ou Su Garrido Pombo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario