13 de set. de 2017

TUI

A maxia e o mito do Monte Aloia protagonizarán o segundo dos roteiros literarios da provincia 

Trátase dunha iniciativa da área provincial de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa AELG, coa que se pretende dar a coñecer o patrimonio inmaterial da provincia a través dunha perspectiva literaria e cultural

Na presentación estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a escritora e membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Marta Dacosta. Tamén estiveron arroupando a iniciativa os concelleiros, José Martínez Tato, Miguel Ángel Capón Rey, e Laureano Alonso Álvarez.
Foto: D.P.  

Infogauda / Tui

 Onte presentouse no Concello de Tui o segundo dos roteiros literarios que a Deputación de Pontevedra pon en marcha, en colaboración coa AELG, no marco das actividades do Ano do Patrimonio, que terá lugar o vindeiro sábado 16 de setembro co Monte Aloia como eixo central. O percorrido, que leva por título "Monte Aloia. Ruta Aloia máxico, mítico e lendario", estará guiado polo poeta, ensaísta e narrador Vítor Vaqueiro. Na presentación estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a escritora e membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Marta Dacosta. Tamén estiveron arroupando a iniciativa os concelleiros, José Martínez Tato, Miguel Ángel Capón Rey, e Laureano Alonso Álvarez.  

 O deputado nacionalista sinalou durante a súa intervención que á hora de deseñar esta iniciativa "se foron elixindo diferentes zonas para dar unha visión sobre o patrimonio inmaterial de especial relevancia de diferentes lugares da provincia". O primeiro dos cinco roteiros planificados tivo lugar o pasado sábado coa Illa da Memoria –a Illa de San Simón– como eixo central, e fora un éxito de público e participación cubrindo todas as prazas. No caso do roteiro do Monte Aloia xa só quedan libres 6 prazas –dun máximo de 50– e a inscrición pódese facer de balde no teléfono do Concello de Tui: 986 603 625.  

 Xosé Leal salientou, no caso do roteiro de Tui, que "a maxia deste monte, a súa compoñente mítica recollida tanto na literatura como na sabedoría popular, será a que centre o percorrido literario". O deputado volveu lembrar que "a través deste tipo de actividades o que buscamos é a colaboración máxima cos concellos para complementar as súas ofertas culturais, e neste Ano do Patrimonio non podiamos deixar de lado o Monte Aloia, do que este sábado poderemos gozar a través dunha visión literaria e paisaxística entendida".  

 Na singularidade do Monte Aloia tamén incidiu de xeito significativo o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, ao asegurar que "é un espazo ambiental único, e de feito é o segundo parque natural de Galicia, e neste caso servirá para escenificar algo tan marabilloso como é a literatura". Cabaleiro tamén afirmou que "todo Tui é literatura", e ademais da paraxe elixida tamén quixo aproveitar para poñer en valor o centro histórico da localidade engadindo que "este paseo literario se podería facer en calquera recuncho do centro".  

 O roteiro  

 O punto de saída será o lugar de estacionamento situado perante a antena de radio, case no cume do monte. A seguir, comezarase un percorrido que discorrerá pola capela de San Fins e o seu espazo murado adxacente, para baixar na procura da muralla. Visitaranse dous miradoiros, o do enxeñeiro Areses, persoa chave na construción do parque, e o do castelo. Tamén se pasará pola cruz que conmemorou o ano santo de 1900, que permite unha visión magnífica sobre o Baixo Miño, co confronto da Galiza e Portugal e, finalmente, a un elemento fundamental do roteiro, que é a cama de San Xián, para terminar no mesmo punto que o do comezo. A través deste percorrido o guía, o escritor Vítor Vaqueiro, reflectirá as crenzas que se relacionan co culto dos montes, os corpos santos, ou os santos hidróforos, así como os rituais levados a cabo en certos lugares do monte que teñen que ver coa pedra do sol e a pedra da auga. "A obra literaria na que se basea este percorrido é a guía sobre o Aloia máxico do propio Vaqueiro" explicou Marta Dacosta. 

 A escritora e representante da AELG tamén deu conta do obxectivo xenérico dos paseos literarios cualificándoos como "actividades que nos permiten difundir, dunha maneira distendida e lúdica, o coñecemento sobre a literatura escrita na nosa lingua e, ao mesmo tempo, difundir o coñecemento sobre os propios escritores e escritoras". Dacosta tamén indicou que este tipo de roteiros "amosan o noso patrimonio inmaterial desde o punto de vista literario e cultural, para comprender e amar o noso espazo". E no caso particular do Monte Aloia salientou que "ten un significado patrimonial para os galegos e as galegas extensísimo, que incluso nalgún momento se identifica co mítico Medulio, o que entronca este espazo coa raíz da nosa identidade".  

 Ao longo do mes de setembro e comezos de outubro terán lugar tres roteiros máis por diversas comarcas da provincia. O seguinte roteiro terá lugar en Cangas o sábado 23 de setembro. Leva por título "Roteiro do patrimonio da cultura mariñeira na literatura de Bernardino Graña", e estará guiado por Héitor Mera. O cuarto dos percorridos, que terá lugar en Cambados o sábado 30, leva por título "Roteiro do Centenario Da terra asoballada". Estará guiado por Ramón Caride Ogando e centrarase na pegada de Cabanillas en lugares significativos de Cambados. E por último, o sábado 7 de outubro, a parroquia estradense de Berres acollerá "Roteiro Avelina Valladares, unha muller do tempo dos Precursores", a cargo do autor Xosé Luna Sanmartín.

Ningún comentario:

Publicar un comentario