19 de set. de 2017

TOMIÑO

A secretaria xeral da Igualdade reúnese coa alcaldesa de Tomiño

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González


Infogauda / Tomiño

 A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, coa concelleira de Servizos Sociais, Cristina Martínez Souto, e coa técnica da Oficina de Igualdade, Silvia Rodríguez Fernández.  

 Nesta xuntanza, a alcaldesa de Tomiño expúxolle á secretaria xeral as liñas de actuación nas que o Concello de Tomiño está a traballar no eido da promoción da igualdade e na sensibilización e a prevención da violencia de xénero, así como dos proxectos existentes.   

 A secretaria xeral da Igualdade valorou que este ano o Concello de Tomiño se adherise á rede de entidades locais contra a violencia de xénero, cuxo obxectivo fundamental é a busca do rexeitamento social e institucional da lacra que supón a violencia contra as mulleres, sensibilizando á poboación e buscando a súa implicación e compromiso real en contra da mesma, fomentando ao tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade.   

 A día de hoxe xa son 171 concellos os que están adheridos á rede de entidades locais contra a violencia de xénero, 40 deles da provincia de Pontevedra.   

 Susana López Abella tamén valorou o feito de que o pasado mes de xuño o Concello de Tomiño constituíse a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. Neste contexto, a alcaldesa informou de que de en menos de seis meses haberá unha próxima xuntanza deste ente, cuxo obxectivo xeral é a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario