19 de set. de 2017

MOBILIDADE

O DEPUTADO UXÍO BENÍTEZ PARTICIPA NO WORKSHOP SOBRE ‘O FUTURO DA MOBILIDADE’ ORGANIZADO POLA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE LA CARRETERA EN MADRID 

Debaterá sobre a innovación no sector viario, as infraestruturas do futuro e as políticas de xestión  

Exporá o traballo efectuado ao abeiro do Plan Móvese nas vías provinciais 

O deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez 
Foto: D.P.

Infogauda / Redacción

 O deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez participará este mércores en Madrid no segundo workshop AECLab, un laboratorio de ideas sobre Mobilidade organizado pola Asociación Española da Estrada baixo o lema ‘Thinking of Mobility-Thinking on the Road’. O nacionalista debaterá, entre outras cuestións, sobre a innovación no sector viario, as infraestruturas do futuro e as políticas de xestión, poñendo de manifesto o traballo da Deputación de Pontevedra nas vías provinciais ao abeiro do Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE).  

 Este encontro, no que participarán como relatores representantes de diferentes administracións e tamén fabricantes de automóbiles e empresas tecnolóxicas, pretende poñer de manifesto que a mobilidade urbana e interurbana por estrada son hoxe dous dos grandes campos para a innovación e a xeración de novos servizos, dirixidos á creación de contornas máis saudables, seguras e eficientes, impulsoras de emprego e riqueza.  

 Nas mesas redondas abordarase o “universo de opcións por explorar desde o punto de vista da infraestrutura” para crear relacións harmoniosas entre os desprazamentos en vehículos e os usos dos espazos públicos como lugares de convivencia, desenvolvemento de actividades económica e ocio por parte das persoas. Así mesmo, destacaranse as grandes tendencias que chegan da man da automatización dos vehículos, a súa electrificación e o desenvolvemento de produtos vinculados á prestación de servizos de mobilidade. 

 O programa do evento estruturouse en cinco bloques de debate: o primeiro será ‘Cambio climático e sustentabilidade. Políticas de xestión’, ao que seguirán ‘Innovación no sector viario. As infraestruturas do futuro’, ‘Investigación sobre condución autónoma en España’, ‘Big data e Mobility as a Service (MaaS)’ e ‘Pago por uso de infraestruturas’.  

 Este segundo workshop AECLab chega a Madrid (no Centro de Investigación 3M-Iberia) este mércores día 20 de setembro, coincidindo cos diferentes actos da Semana Europea da Mobilidade 2017, despois daexitosa sesión celebrada en Barcelona o pasado mes de marzo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario