21 de set. de 2017

A GUARDA

A GUARDA HOMENAXEA AO PADRE BALTASAR MERINO 

Coa Festa da Zorza comezan este venres as Festas das Mercedes 

O sábado será a Romaría de Santa Trega e a Carreira Pedestre Julia Vaquero


Padre Baltasar Merino, S. X. 



Infogauda / A Guarda

 A programación cultural do que queda de semana virá marcada polos actos en homenaxe do Padre Merino, con motivo do centenario do falecemento deste botánico e meteorólogo burgalés que durante tres décadas residiu e traballou na nosa vila. Pola súa parte, as Festas na honra da Virxe das Mercedes e a Romaría de Santa Trega mesturarán tradición, gastronomía e música para ofrecernos uns días con entretemento e actividades para todos os públicos. 

XORNADA DE HOMENAXE O PADRE BALTASAR MERINO


 A Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) será a encargada de acoller na súa sede o primeiro acto en homenaxe ao Pai Baltasar Merino. A xornada, co título “Evolución da previsión meteorolóxica e a súa repercusión na seguridade marítima”, celebrarase este venres día 22 de setembro, a partir das 10:00 horas tras a presentación a cargo do alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, e contará con relatorios de expertos, entre os que se atopan o coordinador de Meteogalicia, Juan Taboada, e o director xeral de Salvamento e Seguridade Marítima, Juan Luís Pedrosa. 

 Amais das disertacións, durante o acto presentarase a obra do Padre Merino “Estudo sobre as Borrascas da Costa Occidental de Galicia” e, xa ás 12:00 h, descubrirase a placa conmemorativa do centenario do seu falecemento, no barómetro situado no exterior da Igrexa de San Bieito. 

FESTA DA ZORZA E DAS MERCEDES, NA GÁNDARA


 A XXXI Festa da Zorza será a encargada de dar comezo, tamén este venres, as celebracions na honra da Virxe das Mercedes, organizadas pola Comisión de Festas das Mercedes en colaboración co Concello da Guarda. A xornada gastronómica comezará ás 18:00 horas, servindo as racións de zorza a prezos populares e, chegada a media noite, o grupo de gaitas A Boalleira amenizará o evento, que rematará cunha queimada. 


 As Festas das Mercedes terán ao deporte como protagonista na tarde do sábado, cando se celebrará a XVII Carreira Pedestre Julia Vaquero, con saída dende a praza dos Seixiños ás 18:00 horas. Chegada a noite, as orquestras Nevada e Ritmo tomarán o testemuño das celebracións, enchendo de música e baile o lugar. 

ACTOS NA HONRA DA VIRXE DAS MERCEDES E ROMARÍA DE SANTA TREGA


 Os actos relixiosos comezarán na xornada do sábado, coa celebración da Romaría de Santa Trega. A ermida acollerá misas en honor á Santa ás 8:00, 9:00 e 10:00 horas, namentres o sermón se celebrará ás 11:00 h. A este seguirá a solemne procesión e, unha vez rematados os actos relixiosos, terán lugar as tradicionais poxas e o xantar popular no monte. 

 No marco das Festas das Mercedes, pola súa parte, a celebración da Misa Solemne e a procesión na honra da Virxe levaranse a cabo o domingo a partir das 12:00 horas e, xa pola tarde, os veciños da parroquia de Salcidos poderán participar nos xogos populares a partir das 17:00 horas, durante os que a organización anuncia algunha “sorpresa”.

CAMPOSANCOS HOMENAXEA AO PADRE MERINO


 O Padre Merino contará cunha homenaxe tamén o domingo. Nesta ocasión, a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos recoñecerá o labor do “maior coñecedor da flora galega e innovador meteorólogo” -e residente no Colexio dos Pais Xesuitas da Pasaxe durante preto de trinta anos-, dedicándolle unha escultura situada no Parque de Chans. 

 O acto comezará ás 12:00 horas no couto do Monte Santa Trega, ao que rebautizarán como Parque do Padre Baltasar Merino, e contará coas intervencións do presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Miguel A. Ríos, o catedrático de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela, Ermelindo Portela, o arquitecto encargado da elaboración da escultura, Mauro Lomba, e o director do Colexio Apóstolo Santiago de Vigo, Iván Mirón. 

VISITAS GUIADAS GRATUITAS AO MONTE SANTA TREGA


 Non debemos esquecer, con todo, que as visitas guiadas gratuítas ao Monte Santa Trega continúa durante esta fin de semana. Con saídas ás 12:30 e 17:00 horas e unha duración de 90 minutos, as visitas inclúen un percorrido polo Museo e polo Castro de Santa Trega. Paralelamente, realizaranse visitas guiadas centradas unicamente no Castro, cunha duración de 30 minutos e con saída ás 16:00 horas dende o asentamento castrexo. A actividade non precisa de inscrición previa, de xeito que aquelas persoas que desexen participar deberán presentarse no punto de encontro sinalado para cada percorrido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario