18 de set. de 2017

A GUARDA

Arte marciais e danza, as grandes protagonistas nas XVIII Noites Guardesas do Deporte  

Fotos: C. A.G.

 Infogauda / A Guarda

 O pavillón da Sangriña acolleu na noite do pasado sábado a celebración da décimo oitava edición das Noites Guardesas do Deporte, organizadas polo Centro Do-Majó en colaboración co Concello da Guarda.   

 O evento de exhibición deportiva amosou ao público as actividades que o centro oferta durante ano e o progreso dos seus alumnos, amais de animar á práctica de taekwondo, “unha arte marcial moi versátil e aínda descoñecida por moitos”, engade o director do Centro Do-Majó, José Manuel Fandiño García, que dende o pasado ano oferta esta disciplina.  


 Para dar a coñecer as dististas modalidades de taekwondo, nesta ocasión, as Noites Guardesas do Deporte contaron coa participación dos alumnos e maestros do Club Yidam, un dos máis salientables grupos de exhibición de taekwondo acrobático de España, con sete campionatos nacionais no seu currículo. 
  

 Así, os alumnos do club vigués, dirixidos polo mestre José Cid e a entrenadora Sandra Gardini, ofreceron un espectáculo que mesturou as modalidades da arte marcial coreana con outras disciplinas próximas ás artes escénicas, como a danza ou a ximnasia acrobática. A mostra caracterizouse pola espectacularidade e a perfecta coordinación dos seus membros, conseguindo o aplauso unánime dun público impresiosado, que mesmo se ergueu das bancadas como recoñecemento á calidade da exhibición.  


 Continuando coas artes marciais, o profesor e mestre do Centro Do-Majó, José Loren, amosou ás máis de cen persoas que conformaban o público a excución de pumses –a esencia da técnica de taekwondo- e os rompimentos espectaculares. 

 O tai-chi tamén tivo cabida nesta noite deportiva, da man do mestre Francisco Tilve, que realizou unha mostra desta arte marcial coreografiada.   

 Danza moderna e baile de salón 

 As alumnas de baile moderno do Centro Do-Majó foron as encargadas de amosar, coas súas diferentes actuacións, esta modalidade de danza que se imparte no club guardés nas categorías infantil (6 a 11 anos) e xuvenil (12 a 19 anos).  As nenas e mozas fixeron patente o seu progreso no dominio e expresión corporal,  así como na destreza e a técnica que require a danza moderna. 
   

 Como colofón á gran noite deportiva, os bailaríns e profesores Jose e Rosy abraiaron coa súa mostra da “bachata de cabaret”. A parella, con recoñecemento internacional en campionatos de baile de salón, ofertará a partir de outubro clases na modalidade de baile latino no Club Do-Majó, segundo anunciou o seu director durante o evento.   


 O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, presidiu esta décimo oitava edición das Noites Guardesas do Deporte e, xunto coa subdirectora do Centro Do-Majó, Ángela Riveiro, fixo entrega dos trofeos e agasallos conmemorativos aos convidados e participantes que fixeron posible este festival. Así, o director do centro deportivo guardés quixo dedicar un agradecemento especial a súa profesora de danza moderna, Yaiza Barreiro; ao mestre de taekwondo e tai-chi, Francisco Tilve; ao mestre de taekwondo José Loren, e ao mestre e coreógrafo do Club Yidam, José Cid. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario