6 de xul. de 2017

OIA

Oia homenaxea ó deporte olímpico e paralímpico da provincia coa exposición da Deputación de Pontevedra "De Pontevedra a Río 2016" 

A mostra fotográfica, que inaugurará este venres a deputada de Deportes, Chelo Besada, poderase visitar na Oficina de Turismo de Oia ata o domingo 16 de xullo



Infogauda / Oia

 A deputada de Deportes, Chelo Besada, acompañada pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal, inaugurará este venres día 7 de xullo, ás 19:00 horas a exposición fotográfica "De Pontevedra a Río 2016", organizada pola Deputación de Pontevedra, nun acto que terá lugar na Oficina de Turismo do Concello de Oia. Esta iniciativa, réndelle homenaxe aos e ás deportistas olímpicos e olímpicas, por unha banda, e paralímpicos e paralímpicas, pola outra, da provincia de Pontevedra que participaron nas últimas edicións dos Xogos Olímpicos e dos Xogos Paralímpicos en Río.  

 A mostra estará aberta ata o domingo 16 de xullo e poderase visitar na Oficina de Turismo os luns e martes das 12:00 horas ás 17:00 horas, e os mércores e domingos das 10:00 ás 20:00 horas.  

 A exposición, que comezou no Pazo Provincial o pasado mes de outubro, xa recalou en diversas localidades da provincia como Tui, Cambados, Nigrán, Sanxenxo, Lalín, As Neves, Silleda, A Estrada, Marín, Ponteareas, O Rosal, Cangas, Meaño, Mondariz ou Valga, e ao longo deste ano ten previsto estar á disposición do público en arredor en 10 concellos máis.  

 "De Pontevedra a Río 2016" recolle o palmarés dos e das 16 deportistas que participaron nos Xogos nuns paneis individuais nos que se poden comprobar as súas traxectorias deportivas. Os 16 de "Río 2016" son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabey Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Marín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario