17 de xuño de 2017

MOCIDADE

Carmela Silva presenta a campaña "Lembra, eu decido, ti respectas" para previr as violacións en cita e as agresións por submisión química 

A Deputación de Pontevedra desenvolverá unha serie de accións informativas que comezarán nos #RíasBaixasFests deste verán na provincia  

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou onte a campaña "Lembra, eu decido, ti respectas"
Fotos: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou onte a campaña "Lembra, eu decido, ti respectas" para previr e actuar contra as agresións sexuais categorizadas como "violacións en cita" e as "agresións por submisión química".  Trátase dunha  campaña informativa entre a mocidade para sensibilizar, concienciar, informar e poñer de manifesto que a violencia sexual é, tal e como recolle a OMS, "todo acto sexual, a tentativa de consumar un acto sexual, os comentarios ou insinuacións sexuais non desexados ou as accións para comercializar ou empregar calquera outro modo a sexualidade dunha persoa mediante coacción por outra persoa".  

 Carmela Silva subliñou que "é unha obriga de todas as administracións realizar campañas como esta, para poñer en marcha medidas que permitan previr as agresións e violacións contra as mulleres e nenas que non son máis que formas de expresar a desigualdade de xénero e as relacións de poder sustentadas na vontade de dominación de corpo das mulleres e na vulneración dos seus dereitos sexuais". En concreto, a Presidenta provincial subliñou que "Lembra, eu decido, ti respectas" "fai un chamamento para que as mulleres decidan e os homes respecten e pretende visibilizar unha forma de violencia pouco atendida como son as violacións en cita e as agresións por submisión química, dúas formas de agresión que obstaculizan  o recoñecemento do delito e a súa posterior denuncia".  

 A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que soamente se pode combater este tipo de crimes sexistas "desde unha educación en valores igualitarios e de respecto que permita erradicar este tipo de formas de violencia tal e como demanda o Convenio de Estambul, que asumiu, ademais o Goberno español". Tamén engadiu Silva que "cada vez existen máis casos, moitos máis dos que se denuncian e, aínda así, as estatísticas do Ministerio do Interior indican que se produce unha violación cada 8 horas, é dicir, tres violacións ao día, polo que é preciso impulsar campañas informativas, de sensibilización e prevención, dirixíndonos particularmente ás mozas e aos mozos e en contextos lúdicos e festivos".  


 A campaña "Lembra, eu decido, ti respectas" vai dirixida tanto aos mozos como ás mozas con materiais nos que se ofrece unha actuación integral de prevención e actuación contra estes dous tipos de agresión sexual, facendo fincapé en que as mulleres non son obxectos, nin propiedade de ninguén e que establecer relacións de flirteo non compromete nin obriga a manter relacións sexuais. A través destes materiais móstranse con claridade os límites nas relacións entre adolescentes e danse a coñecer este tipo de agresións facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima.  

 A Presidenta comentou que a campaña vaise a iniciar nos #RíasBaixasFest, nas citas musicais do verán, onde a Deputación vai instalar un punto de información, durante os 23 días que duran os festivais, con catro persoas que entregarán o 20.000 folletos dirixidos a mozas e a mozos con contidos diferenciados para mulleres e para homes.  Tamén se repartirán outros materiais promocionais que van complementar a campaña.  

 Carmela Silva adiantou que "a campaña nos festivais é o punto de partida. Pretendemos que os materiais que elaboramos poidan empregarse nas aulas, no vindeiro curso, para proporcionar información sobre relacións saudables, control e  poder nas relacións, desigualdades e estereotipos de xénero, habilidades de comunicación ou a  resistencia á presión dos iguais.  Tamén está contemplada a realización de obradoiros de formación para as e os profesionais e o desenvolvemento de protocolos de colaboración e coordinación para estender esta campaña a toda a mocidade. Todo elo co obxectivo de previr este tipo de delitos que nunca son culpa das mulleres".  

 Por último, a Presidenta da Deputación destacou que toda a campaña foi desenvolvida con recursos propios, polas e polos profesionais da propia institución provincial, entre os servizos de Igualdade, en colaboración con diferentes colectivos, e de Comunicación, "excelentes profesionais, con grande capacidade para levar a cabo materiais comunicativos con grande capacidade para chamar a atención e sensibilizar e concienciar á sociedade".

Ningún comentario:

Publicar un comentario