5 de maio de 2017

PESCA

O BNG CENSURA O ACTUAL MODELO DE REPARTO DE XARDA QUE DEIXA SEN COTA A FLOTA GALEGA E ABÓCAA  Á RUÍNA

A portavoz de pesca do BNG, Montse Prado critica  o modelo actual que obriga á flota galega a tirar o mar a xarda morta mentres outras flotas péscana en augas galegas e véndena nas lonxas galegas

Montse Prado, portavoz de pesca do BNG, no Parlamento de Galicia

Infogauda / Santiago de Compostela

 O BNG censura a ruína a que está abocada a flota artesanal galega co actual modelo de reparto de especies estratéxicas como a xarda. Este días podemos comprobar como a pesca da xarda está pechada para as artes menores, mentres outras flotas a pescan  nas nosas augas, vendéndoa nas lonxas  galegas e a  flota galega tena que tirar ao mar morta, afirma Montse Prado, portavoz de pesca do BNG.   

 Para o BNG, a consellería do Mar non está a defender os dereitos da flota galega  e consinte  un   modelo de reparto que concentra nunhas poucas embarcacións o dereito a poder pescar xarda mentres a maioría da nosa flota  de artes menores apenas lle corresponde cota.   

 Segundo a portavoz de pesca do BNG, Montse Prado, o actual reparto  resulta inasumíbel para ademais de ser “inxusto, discriminatorio e non contribúe a un modelo de pesca sostible”, que garanta a actividade para as nosas pequenas embarcacións que son as que xeran un maior número de postos de traballo e realizan  un reparto lineal da actividade e da riqueza sen  esquilma o mar.  

 Lembremos - engade a parlamentaria do BNG - que este ano repartíronse un total de 1.020.996 ton, correspondendo ao Estado español 32.466 (despois de descontar as 5.544 ton da multa que pagamos todos por igual) e que outros utilizaron a sobrepesca para aumentar os seus supostos dereitos históricos).  

 Para as artes menores repartíronse  a miseria de  12.000 ton das cales a Coruña,  tocoulle 828 ton, encontrándonos que si para as artes do anzó durou dúas semanas para a pesca accidental  a pesca durou entre o 20 de marzo e o 18 de abril, E falamos de pesca accidental, obrigando a esta flota a ter que tirar a xarda morta ao mar, non podendo traballar nos caladoiros tradicionais, obrigándonos a non poder largar as nosas vetas, volantillas ou miños mentres outras embarcacións doutras comunidades pescan con total tranquilidade e venden a mellor prezo.  

 Asemade, Montse Prado non dubida en afirmar: O BNG reponsabiliza desta situación á conselleira  Rosa Quintana e a Feijóo, por asumir un modelo pesqueiro, dende o ano 2014, que deixa sen dereitos a nosa flota artesanal e a condena a unha actividade ilegal provocando o abandono da actividade e a ruína.  

 A deputada do BNG, Montse Prado preguntará na vindeira comisión de pesca, prevista para o xoves 11 de maio, polos ingresos das embarcacións galegas en contraposición a das outras comunidades, cantos días puido faenar unha embarcación adicada á pesca dirixida e se a Xunta trasladou algunha queixa ao Goberno central polo novo modelo de reparto da pesquería da xarda que claramente discrimina á flota galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario