A 17ª edición do Correlingua vai ter lugar en Vigo o vindeiro xoves
Baixo o lema “En Galego, sen cancelas”, doce carreiras pola lingua percorrerán 12 localidades galegas do 2 ao 16 de maio
Infogauda / Vigo
A edición 2017 do Correlingua,
carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos organizada pola
CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola
Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo,
Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, A Coruña xunto coa Deputación de Lugo, A
Coruña e a de Pontevedra, entre outros, comezou o luns 2 de maio en Monforte de
Lemos e rematará na Estrada o 16 de maio.
O Correlingua, percorrerá doce
localidades galegas entre o 2 e o 16 de maio, baixo o lema: “En galego, sen cancelas”.
O Correlingua iníciase no
primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos
diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para concurso do
manifesto, de banda deseñada, de video, e mesmo do Cantalingua, no segundo
trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar
sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para
defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio,
celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país.
A marcha, que terá lugar en Vigo, o día 11 de maio, sairá da Praza
do Concello ás once da mañá para rematar no Pavillón das Travesas, nunha festa
final en que se dará lectura ao manifesto gañador e na que actuará un dos grupos gañadores do Cantalingua: Biribirlocke. Para os máis
pequenos/as desde as once da mañá actuará, no propio pavillón, Cé Orquestra Pantasma.
Como todos os anos contaremos,
para conducir a actividade, cunha persoa
de relevo na cultura galega e que, no seu día a día, defende a nosa lingua,
como é o caso de Luis O Caruncho.
Dará a saída á marcha na Praza
do Rei, ás 10:50, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a Concelleira de
normalización lingüística, Uxía Blanco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario