O BNG acusa ao Alcalde-pedáneo de Camposancos de mentir sobre o Centro de Traballo San Xerome
María Mercedes Martínez Vázquez (vogal do BNG na Entidade Local Menor de Camposancos: “O alcalde-pedáneo negou relación contractual entre a ELM de Camposancos e San Xerome no mantemento de zonas verdes, algo que non é certo”
María Mercedes Martínez Vázquez, vogal do BNG na Entidade Local Menor de Camposancos
Infogauda / Camposancos (A Guarda)
A vogal do BNG na Entidade Local Menor de Camposancos, María Mercedes Martínez Vázquez, realizou “no último pleno da Entidade unha batería de preguntas sobre a situación de dita entidade e o Centro de traballo San Xerome, como consecuencia dos despidos realizados hai uns días pola xerencia do centro”.
Segundo afirma María Mercedes Martínez “o alcalde pedáneo negou no pleno que [o Centro de traballo] San Xerome realizase na actualidade traballos de mantemento para Entidade Local. Segundo precisou, hai máis un ano que esta empresa non realiza actividades en Camposancos”.
Para o BNG “o Alcalde Pedáneo do PSOE falta a verdade, xa que si existe unha relación contractual entre S Xerome e a Entidade Local Menor de Camposancos, polo que Alcalde-pedáneo debe aclarar cal é o tipo de relación que existe entre as dúas entidades”.
O BNG tamén asegura que “existe unha partida nos orzamentos do 2016 da Entidade por valor de 8.000 € onde aparece especificada como “Traballos realizados por outras empresas (San Xerome)”.
É incríbel - comentou María Mercedes Martínez - que o Alcalde mentise tan descaradamente no pleno, nun país normalizado tería dimitido. Camposancos merece aclaracións e non mentiras.”
Para o BNG “o Alcalde-pedáneo ten que explicar por que, segundo as nosas informacións, se está a facer o servizo de desbroce de camiños con persoal non contratado e sen cualificar”.
A vogal nacionalista conclúe afirmando que “o BNG vai seguir esixindo aclaracións ao Alcalde Pedáneo do PSOE por responsabilidade que como gobernante ten e que non está a exercer”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario