29 de mar. de 2017

VIGO

O presidente da Xunta de Galicia visitou o Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación, Cacti, o Parque Científico Tecnolóxico da Universidade de Vigo, Citexvi, e o Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio 


Feijóo afirma que o compromiso da Xunta co Campus do Mar “non ten volta atrás”, cuns orzamentos que chegan aos 5 millóns de euros 

Lembra que de continuar a situación de bloqueo do desenvolvemento deste campus na ETEA non poderán executarse un total de 8 millóns de euros

Confía en, entre todos, ser capaces de que o Campus do Mar sexa: un campus para investigar, para internacionalizar a Universidade e para facer Galicia unha das zonas máis importantes na investigación no ámbito do mar e na eólica mariña de Europa  

Propón modernidade, unidade e colaboración para recuperar o tempo perdido e seguir traballando con investigadores, con empresas e creando riqueza en Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo visitou hoxe a Universidade de Vigo

Infogauda / Vigo

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, afirmou hoxe que o compromiso do Goberno galego co Campus do Mar na antiga ETEA “non ten volta atrás”, cuns orzamentos que chegan aos 5 millóns de euros.
 Durante unha visita á Universidade de Vigo, Feijóo avaliou co reitor os distintos proxectos que afectan o desenvolvemento do Campus do Mar, así como os fondos que a Xunta vai destinar a el. Nesta liña, referiuse a un mínimo de dous millóns de euros de fondos do Programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal, POCTEP, e doutros tres millóns que a Consellería de Facenda notificou recentemente ao reitor; unha achega que sumada aos fondos do POCTEP, superan os cinco millóns de euros e aos que hai que sumar unha partida de tres millóns da Zona Franca para rehabilitar o edificio Siemens.
 “En definitiva, estamos pendentes de poder executar oito millóns de euros de forma inmediata no Campus do Mar”, dixo, incidindo en que de continuar a situación de bloqueo do desenvolvemento deste campus na ETEA non se poderá executar esta cifra.
 Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta confiou en que “entre todos sexamos capaces de trazar ese camiño pronto e seguro para que o Campus do Mar sexa o que ten que ser: un campus para investigar, para internacionalizar a Universidade e para facer de Galicia unha das zonas máis importantes na investigación no ámbito do mar e na eólica mariña de Europa”
 “Modernidade, unidade e colaboración é o que propoñemos. O Campus do Mar na ETEA non ten volta atrás e espero que o tempo que perdemos ata o de agora o recuperemos de forma inmediata para seguir traballando con investigadores, con empresas e creando riqueza en Galicia”, abundou.

 Colaboración, cooperación e internacionalización


 Ademais de avaliar os distintos proxectos que afectan ao Campus do Mar, Feijóo visitou tamén o Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación, Cacti, o Parque Científico Tecnolóxico da Universidade de Vigo, Citexvi, e o Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio.

 Sobre este último, o titular da Xunta afirmou que visitar este centro é tanto como visitar “a Galicia do futuro, a Galicia que queremos”. Non en van Cinbio é unha das sete unidades excelentes acreditadas no programa de recoñecemento e impulso da actividade investigadora, xunto ao Ecimat e o AtlanTic; un programa que supón 13 millóns de euros ata 2019 e que beneficia máis de 700 investigadores.

 Cun grande ámbito investigador -cancro, inmunidade, neurociencia, biosaúde, envellecemento activo, obesidade e enfermidades metabólicas-, Feijóo afirmou que a palabra multidisciplinar é a clave para definir o traballo de Cinbio, destacando tamén o labor da directora, África González, recoñecida pola Comisión Europea como unha das emprendedoras europeas máis innovadoras.

 “Trátase dun centro que representa o modelo de centro investigador que o Goberno de Galicia quere: adaptado ao noso territorio, capaz de contribuír ao avance científico internacional e xerador dunha I+D+i útil e ao servizo da sociedade”, incidiu, ao que lembrou que a Xunta leva mobilizados nel máis de 2,2 millóns de euros, aos que hai que engadir os 1,75 millóns do novo programa ata 2019.

 Feijóo concluíu asegurando que o traballo que fai a Universidade de Vigo e todos os centros que conforman o Campus do Mar é posible porque se deixou atrás o illamento, o minifundismo e o localismo, para substituílos por colaboración, cooperación e internacionalización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario