20 de mar. de 2017

PONTEVEDRA

O Goberno de Carmela Silva aproba o expediente para a contratación da execución do programa "Depo en marcha" 

En 2016 participaron no programa preto de 4.000 persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra  


Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, da xestión, desenvolvemento e execución do programa "Depo en marcha", ao que este ano a institución provincial destina 120.000 €. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recordou que o ano pasado participaron no programa preto de 4.000 persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra. 

 Carmela Silva tamén recordou que este programa ten como finalidade favorecer o envellecemento activo das persoas da provincia, a través de oito bloques temáticos de obradoiros, para contribuír a optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade da terceira idade. Tamén busca establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que melloren o estado anímico destas persoas, potenciar movementos de participación e de cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias, e favorecer a súa independencia para evitar o illamento e as situacións de soidade.  

 En total, a Deputación de Pontevedra oferta 100 obradoiros dirixidos a entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra. Estes estrutúranse en oito áreas temáticas: "Traballando coas mans" (arte foral, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería, traballos manuais), "Entre fogóns" (cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería, tapiñas e petiscos), "Aprendendo da natureza" (plantas medicinais), "Móvete" (pilates, ioga, ximnasia de mantemento, zumba), "Activando corpo e mente" (conservación da memoria, musicoterapia, risoterapia, control e manexo da ansiedade e do estrés), "Enredando" (xogos tradicionais, teatro), "Dálle marcha" (bailes de salón, pandeireta e canto popular) e "En rede" (internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática-iniciación, informática-avanzado).  

 As empresas interesadas en optar á execución e posta en marcha do programa "Depo en marcha 2017" terán un prazo de 15 días, a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario