21/03/2017

LABORAL

Centos de persoas solidarízanse coa loita do persoal de Nueva Pescanova na segunda xornada de folga 

A Policía española detivo un traballador que formaba parte do piquete informativo desprazado até a factoría de Chapela

Unha concorrida marcha percorreu as rúas da cidade dende Vía Norte até o cruce das rúas Colón e García Barbón
Fotos: CIG

Infogauda / Vigo

 Varios centos de persoas participaron hoxe na manifestación convocada en Vigo polo cadro de persoal de Nueva Pescanova coincidindo coa segunda xornada de folga para reclamar uns convenios colectivos dignos na empresa de alimentación. Durante a marcha berráronse consignas a prol da posta en liberdade do traballador detido pola Policía española a primeira hora da mañá ás portas da factoría de Chapela cando participaba nun piquete informativo.

 Unha concorrida marcha percorreu as rúas da cidade dende Vía Norte até o cruce das rúas Colón e García Barbón, zona onde se ubican as sedes de varias sucursais bancarias que son sinaladas polos traballadores/as de Nueva Pescanova como responsábeis da situación na que se atopa a empresa. A manifestación estivo custodiada en todo momento por un importante dispositivo policial, ao igual que o numeroso piquete informativo que se concentrou ás portas da factoría de Chapela dende as 5.30 horas. 


 Nese lugar os axentes detiveron un traballador arredor das 7.30 horas, a pesar de que até ese momento non se rexistraran incidentes xa que a folga tivo de novo un seguimento do 100% do cadro de persoal. Unicamente entraron a traballar os servizos mínimos e os empregados/as das oficinas. Foi precisamente durante o acceso dun vehículo ao interior da fábrica cando se produciu o arresto do traballador, acusado de agresión a un policía.  

 As centrais negan a agresión  
 Dende as centrais convocantes da folga -CIG, CUT, UGT e USO- rexeitan esta acusación e sinalan que o que fixo o detido foi axudar a incorporarse a outra traballadora que caera ao chan como consecuencia dos empurróns dos axentes, que pretendían deixar libre un carril no interior do túnel de acceso á empresa -onde se refuxiaron os piquetes por mor da choiva- para facilitar a entrada de vehículos. “O único que pasou foi que esvarou e parece ser que se precipitou contra un policía, tras o que se abalanzaron sobre el; pero en ningún momento houbo violencia nin intención de agredir a ninguén”, explican. 

 Tras o incidente, o traballador afectado foi detido e trasladado a comisaría para prestar declaración, previo paso polo hospital para avaliar o alcance das lesións que presentaba como consecuencia do arresto. A solidariedade co detido non se fixo agardar, e os seus compañeiros/as portaron durante a manifestación unha faixa na que se reclamaba a súa posta en liberdade.     

 Os sindicatos -ao igual que fixeran tras o primeiro día de folga- critican a actitude dos axentes, que mesmo impediron a labor do comité de folga para comprobar po cumprimento dos servizos mínimos. De feito, minutos antes da detención producírase un pequeño incidente despois de que un policía empurrase de moi malos modos a unha traballadora.  

 Ademais dos berros de apoio a este traballador, durante a manifestación coreáronse consignas como “Pescanova, escoita, estamos en loita”, “Este convenio ímolo gañar” ou “Convenios dignos en Pescanova”. Ao remate da marcha tomou a palabra a presidenta do comité de empresa, Lari Martínez, da CIG, quen agradeceu o apoio de todos/as os presentes e lembrou que o cadro de persoal está preparado para afrontar un conflito laboral “que vai ser moi longo”. 

 Tras a mobilización de hoxe, dende as centrais anuncian que este vindeiro sábado 25 desenvolverán unha nova asemblea cos empregados/as de Nueva Pescanova para analizar as dúas xornadas de folga e decidir a convocatoria de novas protestas. No caso de que non se produzan avances na negociación dos convenios, o cadro de persoal reitera que a folga pasará a ser indefinida a partir do martes 4 de abril.

Ningún comentario: