O BNG solicita a peonalización de Concepción Arenal na Guarda
Ángel Luis Baz Vicente (portavoz municipal do BNG): “Para o BNG a rúa Concepción Arenal debe ser o motor dun novo modelo de pobo con comercio na rúa, persoas paseando libremente: un concello accesíbel”
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG
Foto: BNG
Infogauda / A Guarda
O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción para a peonalización da rúa Concepción Arenal da Guarda.
“Para o BNG é unha necesidade un cambio de modelo na Guarda no que as persoas, tanto as residentes como as que visitan á Guarda, sexan as protagonistas, relegando o coche a un segundo plano.
O BNG considera que está máis que demostrado que o modelo anterior baseado na acumulación de vehículos nos centros das poboacións son un fracaso, soamente hai que ver a última reforma de Manuel Álvarez: lonxe de aliviar o tráfico e os problemas de aparcamento, hoxe seguimos a tela colapsada”.
O BNG lémbralle ao alcalde da Guarda que é momento de poñer en práctica o Plan de Mobilidade realizado pola Deputación de Pontevedra, froito da moción presentada polo BNG”.
“Hoxe temos un documento realizado por técnicos competentes na materia, que certifica que o futuro da Guarda pasa por recuperar a vila para as persoas, facendo un concello accesíbel, tal como vén propoñendo o BNG dende hai anos”, comentou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG.
A moción nacionalista “solicita o rexeitamento a calquera actuación contraria ás recomendacións do Plan de mobilidade da Guarda, así como instar ao alcalde da Guarda a realizar un proxecto diferente, un plan estratéxico de eliminación de barreiras arquitectónicas e promover a concienciación da poboación de hábitos saudábeis e o deseño de camiños escolares para o fomento da autonomía de nenos e de nenas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario