9 de dec. de 2016

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra organiza unha xornada para dar a coñecer unha ferramenta informática de xestión integrada do saneamento municipal 

"SANePLAN" dará cobertura inicialmente aos concellos de Baiona, Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa pero pretende ser implantado en todos os da provincia saneplan 

O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, David Regades

Infogauda / Pontevedra

 O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, David Regades, presentou esta mañá unha xornada, dirixida ao persoal técnico dos concellos e das empresas do sector da auga e do medio ambiente, que terá lugar o vindeiro 20 de decembro e na que se dará a coñecer unha nova ferramenta informática de xestión integrada do saneamento municipal accesible a través de Internet. Esta ferramenta desenvolveuse no marco do proxecto "SANePLAN", no que participa a institución provincial xunto ao Instituto Tecnolóxico de Galicia e á empresa italiana Physis SRL.  

 Durante a xornada do vindeiro 20 de decembro farase unha demostración práctica do funcionamento da nova ferramenta informática, tamén denominada "SANePLAN", para a xestión integrada do saneamento municipal. A aplicación responde a aspectos clave que facilitan a toma de decisións políticas e técnicas sobre esta cuestión, "dende as súas redes de saneamento, abastecemento, de pluviais e ata as propias estacións de depuración", salientou o Presidente en funcións, David Regades, que lembrou que "este servizo é un dos eixes principais das vilas e por iso as alcaldesas e alcaldes demandan solucións ao respecto" e, por iso, sinalou a importancia desta ferramenta.  

 Grazas a esta aplicación, prestarase cobertura ás necesidades de xestión destas redes e estacións e preténdese impulsar a planificación en función das necesidades actuais e previsións futuras. Así, a través de SANePLAN será posible xeorreferenciar infraestruturas, analizar o consumo enerxético, os custes e impacto ambiental, estudar as emisións de CO2, rexistrar e xestionar incidencias, analizar puntos críticos da rede e simular escenarios futuros tendo en conta situacións como "novos desenvolvementos urbanísticos ou, nas vilas con carácter turístico, a sobrepoboación estacional".  

 Segundo manifestou o Presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, David Regades, "SANePLAN é unha solución sinxela que permitirá ao persoal técnico dos concellos saber cal é a infraestrutura de saneamento necesaria para unha poboación ou mancomunidade e se é suficiente; os núcleos aos que dá e pode dar servizo; se o cambio climático pode afectar á infraestrutura de saneamento existente;  actualizar o inventario das infraestruturas de saneamento; controlar as actuacións que se estean executando; ter un control do proceso de depuración; realizar simulacións ou avaliar as augas residuais xeradas". Trátase –tal e como salientou Regades– dunha ferramenta que aporta solucións de grande interese para os concellos e de grande utilidade para os técnicos municipais, xa que permite tomar decisións máis adecuadas para garantir unha xestión eficiente e sostible deste servizo básico, como é o de saneamento e auga, e convertelo nun servizo de calidade, que garanta as necesidade de todas as veciñas e veciños".  

 Trátase, en definitiva, dunha "ferramenta de coñecemento para mellorar o servizo da auga", asegurou o Presidente en funcións, en concreto do "estudo,  análise e información" xa que "este Goberno provincial está comprometido cunha provincia sostible e saneada, xa que os nosos ríos e as nosas rías son un dos nosos maiores reclamos turísticos e económicos, o que nos obriga a apostar por proxectos vinculados á sostibilidade e ao respecto ao medio ambiente para poder ter unha provincia sostible e con moito futuro". "Traballar en prol desta provincia significa ser cada vez máis sostibles, responsables e medioambientais", engadiu Regades.  

 O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra adiantou que "unha vez presentada a ferramenta, o vindeiro 20 de decembro, instalarase nos catro concellos da provincia que participan no proxecto (Cambados, Ribadumia, Baiona e Vilanova de Arousa) e nos que xa se analizaron, previamente, máis de 425 quilómetros de rede de saneamento". Regades engadiu que "tamén se instalará no concello italiano de Chiesina Uzzanese, da Toscana e, unha vez rematada a xornada, levaranse a cabo sesións específicas de formación sobre o funcionamento da ferramenta cos técnicos e técnicas dos municipios participantes no proxecto".  

 SANePLAN é un proxecto aprobado pola Unión Europea, dotado cun orzamento de 1,5 millóns de euros para a planificación integrada e xestión sostible do saneamento a través de tecnoloxía de precisión innovadora. En concreto, a través desta actuación estase a impulsar a integración da xestión do saneamento e os seus elementos coa planificación urbana, co obxectivo de mellorar o funcionamento das redes de saneamento e depuración. 

 David Regades explicou que "tamén son obxectivos de SANePLAN a redución da presión sobre as masas de auga; a contribución á adecuación dos sistemas de saneamento de poboacións e ao desenvolvemento de sistemas de gobernanza transparentes en relación á información medioambiental; o desenvolvemento de sistemas de gobernanza transparentes en relación á información medioambiental así como para a adaptación do cambio climático e a racionalización dos custos de xestión do saneamento, facilitando a súa dirección e operación mancomunada". O proxecto tamén pretende facilitar a información para a avaliación do estado das masas de auga mariña e sobre as fontes de xeración de acontecementos de risco a través dos sistemas de saneamento.  

 Ademais da ferramenta informática, que será protagonista da xornada do día 20 de decembro, a través de SANePLAN tamén se creou unha comunidade de coñecemento sobre a xestión da auga integrada por 233 persoas de distintas institucións de Italia e da provincia de Pontevedra. Igualmente, se participou en congresos e eventos do sector da auga, así como en diversos medios de comunicación, acadando unha audiencia de máis de 100.000 persoas.  

 O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, David Regades, adiantou que para a clausura do proxecto SANePLAN, prevista para febreiro de 2017, "estamos a preparar unha xornada final na que daremos conta das principais achegas de SANePLAN para a mellora da xestión das redes de saneamento".

Ningún comentario:

Publicar un comentario