15 de dec. de 2016

GALICIA

A Xunta de Galicia alerta dun temporal de nivel laranxa que dará comezo esta madrugada nas provincias da Coruña e Pontevedra 

A Xunta recorda a necesidade de estremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web www.112galicia.org



Infogauda / Santiago de Compostela

 A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará ao litoral das provincias da Coruña e Pontevedra a partir desta noite.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) espérase, a partir da madrugada do día 16, mar combinada do oeste ou noroeste de entre 5 e 6 metros, que afectará ás provincias da Coruña e Pontevedra.
 Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

 Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

 Ademais a a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) alerta dun temporal de neve de nivel amarelo no interior da provincia de Ourense a partir de primeiras horas da noite de hoxe. Ante esta situación, recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoproteción, tales como evitar as viaxes sempre que non sexan necesarias ou revisar o estado das estradas asegurándose de saír con cadeas e os depósitos de combustible e líquido anticonxelante cheos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario