2 de nov. de 2016

VIGO

CIG-Saúde de Vigo denuncia que se están a recibir, por usuarias e traballadoras, sancións por importe de 200 € por vehículos mal estacionados no entorno do Hospital Álvaro Cunqueiro con data do pasado mes de maio



 Pese as reiteradas declaracións do Alcalde de Vigo nas que prometía non multar aos coches mal estacionados nos viais do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, as traballadoras e usuarias deste hospital están a recibir sancións con data do pasado mes de maio, onde a denunciante é a antiga xerente da empresa concesionaria. 

 Entre as promesas realizadas polo alcalde incluíase a apertura dun parking público do que descoñecemos o estado no que se atopa na actualidade. 

 Do mesmo xeito, descoñecemos os motivos do cambio de criterio do Concello, non só no que se refire ás súas competencias no ordenamento do tráfico se non, o que nos parece máis grave, no inicio do proceso sancionador con carácter retroactivo obviando as súas promesas, entre as que incluía a de retirar vehículos mal estacionados que supuxeran problemas de seguridade pero non sancionalos. 

 Desde CIG-Saúde tamén denunciamos os problemas de acceso ao Hospital nos horarios de maior afluencia, como son as entradas e saídas do persoal, agravados desde que se prohibiu o estacionamento en zonas non reguladas, sen ofertar outra alternativa que non sexa o aparcamento de pago da Empresa Concesionaria. 

 Por estas razóns solicitamos do Concello de Vigo e da Consellería de Sanidade:  

- a apertura, acondicionamento e ordenamento como aparcamentos gratuítos dos espazos existentes ao arredor do Hospital que poidan ser susceptibles de ser usados con ese fin e que na actualidade carecen de uso e están sen urbanizar. 

- o reordenamento do tráfico seguindo un criterio máis funcional para o transporte público e os servizos de transporte sanitario.


Vigo, 2 de novembro de 2016

Manuel González Moreira 
Secretario Comarcal de CIG-Saúde

(R.)

Ningún comentario: