3 de nov. de 2016

CULTURA

David Daniel Vázquez Álvarez recibe en Gres o premio Xosé Neira Vilas de novela curta 

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe á tarde no acto de entrega que o padroado da fundación depositaria da obra e continuadora do legado de Neira Vilas quixo facer coincidir co 88º aniversario do nacemento do escritor crucense

O galardón está dotado con 1.000 euros e coa publicación da obra por Edicións Embora

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe á tarde no acto de entrega que o padroado da fundación depositaria da obra e continuadora do legado de Neira Vilas quixo facer coincidir co 88º aniversario do nacemento do escritor crucense
Foto: X. de G.

Infogauda / Vila de Cruces

 O escritor ourensán David Daniel Vázquez Álvarez recibiu hoxe á tarde na sede da Fundación Xosé Neira Vilas en Gres o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, nun acto especialmente emotivo que o padroado desta entidade quixo facer coincidir co día do 88º aniversario do nacemento do escritor crucense. O galardón, convocado no mes de setembro, está dotado con 1.000 euros e mais coa publicación da obra por Edicións Embora.
 García Gómez gabou na súa intervención “o esforzo e a implicación da fundación depositaria da obra e continuadora do legado neiraviliano” por seguir facendo da casa natal de Gres “o centro cultural que Neira Vilas e a súa dona, Anisia Miranda, soñaron e instituíron ao seu regreso a Galicia para proseguir o importante labor cultural e lingüístico que emprenderon en América e que contou coa dedicación de ambos ata o final dos seus días”.
 Na entrega participaron tamén o alcalde, Jesús Otero; e o presidente e os padroeiros da entidade, Xosé Luís Reimóndez, Juan Andrés Fernández e Fernando Redondo Neira, respectivamente. O acto pechouse coa actuación do cuarteto “Os encantiños do Ulla”.

‘Diario de Brian, o chinés’

 ‘Diario de Brian, o chinés’ é o título da obra coa que o mestre e escritor ourensán David Daniel Vázquez Álvarez (Vilamartín de Valdeorras, Ourense; 1953) se fixo con esta primeira edición do galardón Xosé Neira Vilas de Novela Curta. Trátase dun traballo no que o xurado valorou a capacidade de “transmitir un mundo de emocións gurgullante, protagonizado por adolescentes que deben enfrontarse a situacións problemáticas que mudan o rumbo dos seus días” e “a habelencia na arquitectura do relato, a calidade dos diálogos e a coidada caracterización dos personaxes que fan do texto unha historia apaixoante”.
 Integraron o devandito xurado o presidente da fundación, Xosé Luís Reimóndez; os padroeiros Juan Andrés Fernández, Rosalía Morlán e Fernando Redondo Neira; e o investigador e crítico literario Armando Requeixo. O autor galardoado conta xa no seu haber con outras obras (‘O ruliño branco’, ‘Orballo da mañá’, ‘Na solaina’, ‘Améndoas e flores silvestres’, ‘Cafetería Alameda’ e ‘Ninguén nace antetempo’), premios (Premio de Poesía A Ouriceira, Certame de Relato Curto José Saramago) e publicacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario