8 de set. de 2016

GALICIA

Xunta de Galicia e sindicatos asinan o acordo para que os traballadores antiincendios teñan a consideración de bombeiros forestais 

Os conselleiros de Medio Rural e de Facenda subscribiron o documento esta mañá con representantes das organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF e UGT

Arredor de 2.000 profesionais do servizo de loita contra incendios forestais da Xunta poderanse beneficiar desta medida, que suporá unha mellora das súas condicións laborais  

O acordo mellora tamén as condicións dos traballadores en aspectos como a progresiva implantación dunha segunda actividade para os empregados de maior idade ou a redución da taxa de temporalidade

Ángeles Vázquez e Valeriano Martínez, asinaron con representantes das organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF e UGT o acordo para que os traballadores do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta teñan a consideración de bombeiros forestais
Foto: Xoán Crespo

Infogauda / Santiago de Compostela

 Os conselleiros de Medio Rural, Ángeles Vázquez, e de Facenda, Valeriano Martínez, asinaron esta mañá con representantes das organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF e UGT o acordo para que os traballadores do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta teñan a consideración de bombeiros forestais.
 Uns 2.000 profesionais deste servizo poderanse beneficiar desta medida, que é unha petición reiterada deste colectivo. O acordo foi negociado entre os sindicatos, a propia Consellería do Medio Rural e a Dirección Xeral de Función Pública da Consellería de Facenda. O cambio suporá unha mellora das condicións laborais dos traballadores, o que redundará tamén nunha maior eficacia no desenvolvemento das súas funcións. Ademais, o acordo mellora tamén as condicións dos traballadores en aspectos como a progresiva implantación dunha segunda actividade para os empregados de maior idade, a redución da taxa de temporalidade ou a creación dunha comisión de seguimento do acordo.
 Con respecto á taxa de temporalidade, para reducila as partes asinantes decidiron incluír nas ofertas de emprego público dos vindeiros anos (2017 a 2020) prazas do persoal do SPDCIF, co fin de completar a convocatoria das vacantes existentes neste servizo con suxeición ao disposto na normativa básica do Estado. A Xunta comprométese a que nas ofertas de emprego público dependentes da Consellería de Facenda ofertaranse un mínimo do 20% das prazas no devandito período para este persoal.
 Con respecto á segunda actividade, as partes amósanse conscientes dos riscos laborais deste colectivo, que se acentúan coa maior idade dos seus integrantes. Por iso, acordan que o pase á segunda actividade será progresivo e estenderase á totalidade do ano como máximo no 2018. Esta segunda actividade será, en todo caso, voluntaria, e consistirá na realización de tarefas preventivas e de apoio loxístico ao SPDCIF sen que isto comporte unha vinculación directa ás labores de extinción de incendios. Para acceder a esta modalidade os empregados deberán cumprir varios requisitos, entre eles o de ter cumpridos 60 anos de idade e non estar acollidos á xubilación parcial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario