16 de set. de 2016

CULTURA

Xosé Leal: "É un orgullo estrear esta obra en Pontevedra" 

'Os vellos non deben de namorarse' de Teatro do Morcego poderá verse no Teatro Principal o venres 30 de setembro ás 21 horas 

A presentación, que tivo lugar no Concello, estivo encabezada pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, polo director da compañía teatral, Celso Parada, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 "É un orgullo que fagamos a presentación da estrea desta obra en Pontevedra, por ser unha vila moi vinculada á figura de Castelao, e, sobre todo, por ser unha vila tan comprometida co teatro" asegurou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé leal, na presentación da obra 'Os vellos non deben de namorarse', que a compañía Teatro do Morcego levará por 10 concellos da provincia no último trimestre do ano. A presentación, que tivo lugar no Concello, estivo encabezada pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, polo director da compañía teatral, Celso Parada, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.   

 Esta obra de gran formato, cuxas entradas xa están á venda a través da billeteira online, terá lugar o venres 30 de setembro ás 21 horas no Teatro Principal de Pontevedra. A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, enmarcou a representación nos actos que a Deputación de Pontevedra está a realizar este ano con motivo do Ano Castelao e felicitou a Celso Parada por volver á cidade con esta obra, asegurando "é unha honra ter de novo a Celso Parada en Pontevedra", despois de lembrar que o ano pasado estivera con 'Presidente'.  

 Das efemérides sinaladas por Anxos Riveiro, Xosé Leal fixo fincapé no 75 aniversario da estrea de 'Os vellos non deben de namorarse', que tivera lugar o 14 de agosto no Teatro Mayo de Bos Aires. O deputado salientou que no marco da programación do Ano Castelao "levamos o teatro por todos os concellos da provincia, con preto dun cento de representacións e estilos moi diferentes, pero esta obra que hoxe presentamos é a única de gran formato". Debido a esta circunstancia, Leal explicou que se requiriu a colaboración económica por parte dos concellos onde se vai representar e que por iso tamén conleva o custo dunha entrada. No caso de Pontevedra, onde a entrada terá un prezo de 5 euros, Leal sinalou "que é case un prezo simbólico para unha obra coma esta, cun gran número de actores e un gran formato". "A obra continuará o percorrido por outros concellos nos que tamén hai unha importante tradición teatral e que ademais contan coa infraestrutura acaída para representala" engadiu o deputado. Despois de Pontevedra, o percorrido continuará por Cambados, Illa de Arousa, Tomiño, Cangas, Sanxenxo, A Estrada, Gondomar, Vigo e Redondela.   

 Pola súa banda, o director de Teatro do Morcego, Celso Parada, asegurou que en "'Os vellos non deben de namorarse' todo ten unha intención anovadora, e é unha peza moi ben escrita, moi do seu tempo, e que bebe do teatro tradicional galego". Lembrou que Castelao na súa visita a París de 1921 coñecera o teatro de Nikita Balieff e quedara impresionado pola súa modernidade e polo uso de pezas simbólicas que el nunca vira, e que despois reproduciu na súa propia obra como no caso dos retratos dos pais do personaxe de Don Ramón que lle falan desde as paredes simbolizando a conciencia. Tamén destacou a introdución das máscaras e do folclore musical a través do uso de coros populares.  

  'Os vellos non deben de namorare' de Teatro do Morcego porá sobre o escenario a 10 actores e actrices para representar os tres lances nos que, en palabras de Celso Parada "se desenvolve a tese de que o vello que namora a destempo vese condenado polo pobo, e vese abocado a enfrontarse ás convencións". Lembrou ademais as circunstancias persoais que o levaron a coñecer a obra de Castelao da man do profesor Carvalho Calero cando o director teatral o coñeceu como alumno na Facultade de Filoloxía. Unha experiencia que propiciou que chegase a fundar en 1989, xunto a Isabel Ávila, a compañía Teatro do Morcego, nome escollido na honra ao teatro parisino no que Castelao coñeceu a obra de Nikkita Balieff.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario