19 de ago. de 2016

PEITIEIROS (GONDOMAR)

PEITIEIROS CELEBRA O XXIII FESTIVAL FOLCLÓRICO INTERNACIONAL 

Este sábado día 20 de agosto desde ás 12 da mañá


Centro Cultural e Veciñal de Peitieiros / Gondomar

 Este sábado día 20 de agosto, Peitieiros celebrará o XXIII Festival Folclórico Internacional que se desenvolverá no adro. O Festival comezará xa ás 12 da mañá con obradoiros diversos de baile e música, abertos á participación de quen quixer achegarse, impartidos polos grupos participantes no Festival. Os obradoiros serán en horario de 12:00 a 13:30 horas.  

 Nese mesmo horario permanecerá aberta a exposición do Ano Castelao, que volverá abrir ás 17:00 horas e na que se realizará unha visita guiada ás 18:00 horas.     

 A partir das 20:00 h. desenvolverase a parte central do Festival que abrirá o grupo anfitrión, Ecos e Agarimos. O grupo Ecos e Agarimos é a Escola de Música Tradicional e Baile do Centro Cultural de Peitieiros, e conta con máis de 23 anos de traxectoria.  

 Contaremos tamén coa participación do Grupo de Bombos Escola de Modelos, procedente de Paços de Ferreira (Portugal).  

 A continuación actuarán Mbolo Mooye Doolé, grupo de danza e percusión africanas. Este grupo, fundamentalmente de orixe senegalés, percorreu xa varios puntos de Galicia realizando mostras e obradoiros de danzas e música africanas, dirixidas a nenos e nenas e adultos. O seu nome significa na lingua wolof, propia de Senegal, Gambia e Mauritania: “a unión fai a forza”.   

 Poñerá o broche ao Festival o grupo Zurrumalla de Vigo. Zurrumalla é unha formación que leva 16 anos estudando e tocando por toda Galicia a música tradicional, conseguen de cada actuación unha festa. Cun estilo musical baseado no tradicional e realizando un folk propio, achegan composicións e arranxos que fan as ledicias do público. Unha sorpresa de vitalidade, e novos aires na nosa música. Acaban de publicar o disco Camiño por ti, que está a ser moi ben recibido e que inclúe, entre outras, unha peza adicada a Gondomar.  

 O XXIII Festival Folclórico Internacional conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, do Concello de Gondomar e da Comunidade de Montes de Peitieiros.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario