A Deputación de Pontevedra promove 62 razóns para vir ás Rías Baixas
A institución provincial presentará mañá en Madrid o destino Rías Baixas a turoperadores e medios nacionais e especializados en turismo
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra dará a coñecer mañá en Espacio Atlántico, de Pepe Solla, en Madrid, as 62 razóns, unha por cada concello da provincia, para vir ás Rías Baixas. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, xunto ao deputado delegado de Turismo, Santos Héctor, deu a coñecer esta actuación, dirixida a turoperadores e medios nacionais e especializados en turismo, que promoverá os recursos e temas singulares que cada concello da provincia de Pontevedra seleccionou e lle achegou á Deputación de Pontevedra para o desenvolvemento da campaña.
Carmela Silva subliñou que, "coa participación de Rías Baixas en Fitur, iniciamos unha serie de accións de promoción do noso destino turístico escollendo como eixo a arquitectura contemporánea, acadando unha importante repercusión, con máis de 60.000 visualizacións en Facebook, reportaxes en revistas especializadas en viaxes, decoración e arquitectura e presenza nos principais medios de comunicación nacionais".
Nesta ocasión, tal e como manifestou Silva, "cada concello aportou un tema singular, xa sexa unha festa de interese turístico, un evento gastronómico, paisaxe e natureza, un ciclo de cinema,…, moitas e moi variadas razóns para vir ás Rías Baixas". Estes temas incluíronse nun libro, deseñado polo funcionariado da área de Comunicación da Deputación de Pontevedra, que será presentado mañá en Espacio Atlántico. Casa de Comidas, de Pepe Solla, da man de Pepe Ribagorda, director de Informativos Telecinco fin de semana, "gran coñecedor de Galicia e namorado das Rías Baixas", segundo asegurou a presidenta da Deputación.
A institución provincial dará a coñecer as 62 razóns para vir ás Rías Baixas a turoperadores e medios nacionais e especializados, entre os que se atopan Barceló Congresos, Barceló Viajes, España Visión, Grupo Airmet, Viajes Gonza Tours, ITB Agencia de Viajes y Eventos, Latam, Rumbo, Trotamundo, Viajes 200, Viajes Iguazú, a revista Viajar, Conde Nast Traveler, Hola, Glamour, GQ, "Guía del ocio" de El País, Infortursa, Nuevo Estilo, Love, Mía, Spain Gourmetour, El Confidencial, Vanitatis, www.gastronomoyviajero.com,www.viajacomeyrelaja.com, www.guiamaximin.com, www.vayaciudad.com ou www.cocinagallega.es. Tamén participarán no acto de promoción representantes de concellos da provincia de Pontevedra e da Asociación Hispano Xaponesa de Turismo; así como David Machado, recente gañador do Goya ao mellor son pola película El desconocido e que está a piques de estrear Toro, de Kike Maillo, rodada na cidade olívica. Ao respecto, Carmela Silva manifestou a aposta da institución provincial por "visibilizar que a provincia de Pontevedra é moi adecuada para a cinematografía".
No transcurso do evento se darán a coñecer aspectos que definen as Rías Baixas, coma é o turismo natural da man da camelia, a flor do inverno; a música, con festivais musicais coma o Festival do Norte, Sinsal, PortAmérica, Cultura Quente, Revenidas ou Atlantic Fest; a arquitectura contemporánea e a gastronomía, poñendo en valor tanto a calidade do produto de proximidade coma a profesionalización do sector turístico da provincia de Pontevedra. Neste contexto, segundo manifestou Carmela Silva, "queremos destacar tanto os profesionais que xa contan cunha gran traxectoria coma Pepe Solla, coma as mozas e mozos dos centros de formación profesional Manuel Antonio de Vigo e Carlos Oroza de Pontevedra, que nos acompañarán en Madrid para preparar a sobremesa con Solla, e que garantirán un futuro de calidade para o sector turístico da provincia de Pontevedra".
Ningún comentario:
Publicar un comentario