1 de mar. de 2016

A GUARDA

Os escolares conmemoran a figura de Rosalía de Castro nun emotivo acto  

Os rapaces recitaron poemas da escritora galega máis recoñecida. Esta foi a última das iniciativas organizadas en torno á poeta. 


Infogauda / A Guarda

 Na mañá do martes día 1 de marzo, nenos e nenas de todos os centros escolares do municipio de A Guarda, conmemoraron o 179 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, nun emotivo acto na Praza do Reló.  O alumnado, acompañado polos seus mestres e portando distintas pancartas na honra de Rosalía, saíron dende os seus colexios para xuntarse todos, ás 12 horas, na Praza do Reló, fronte á Casa do Concello.  

Escolares de tódolos centros educativos participaron nos actos de homenaxe a Rosalía de Castro

 Representantes de todos os colexios subíronse ao balcón do concello para responder á pregunta “Por que estamos aquí?”. Os escolares responderon, entre outras cousas dicindo que Rosalía de Castro loitou polos galegos e pola lingua galega e por todas esas persoas que tiveron que emigrar.  


 Despois nas voces dos nenos recitouse o poema “Campanas de Bastabales”, poema na que Rosalía falaba da súa terra:   "(...) Miña casa, meu abrigo; vanse todos eu me quedo; sin compaña, nin amigo (...)".  

 Para rematar este acto todos xuntos cantaron a canción do poema “Adios ríos, adios fontes” e mostraron as súas caretas da poeta feitas nas súas aulas.  

 A Concelleira de Cultura, Elena Baz Rodríguez, salientou que “os nenos e nenas son o futuro, tamén os da lingua galega”.  
Semana por Rosalía  
 Con este acto tan emotivo, e tamén reivindicativo, o Concello de A Guarda pechou todas as actividades programadas na “Semana por Rosalía”.
   

 Entre as iniciativas tamén destacou a pintada dun muro polos alumnos de Educación Secundaria de distintos colexios. O sábado pola mañá houbo unha sesión de “Contos Contados” nos que os nenos disfrutaron facendo un obradoiro sobre Rosalía de Castro.  

Manuel Cadilla, no escenario do Centro Cultural de A Guarda, recitando poemas de Rosalía de Castro

 Pola noite, no Centro Cultural houbo un acto no que se puxo en valor tanto a biografía coma a obra de Rosalía de Castro. O veciño guardés Manuel Cadilla foi o encargado de recitar poemas, os grupos “Carainas”, “Ghaiteiros do Carreiro” e “Tremelique”, da Agrupación Cultural Guardesa foron os encargados de pór a música a este acto presentado por Beti Rey Ferreira.  

 O Concello de A Guarda agradece a participación de todos os veciños nestes actos conmemorativos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario