22 de feb. de 2016

GALICIA

A conselleira do Mar mantivo hoxe unha xuntanza coa presidenta da Asemblea Autonómica de Galicia na Coruña da Cruz Vermella Española 

Rosa Quintana destaca o importante labor da Cruz Vermella en tarefas de seguridade e salvamento marítimo 

O obxectivo da reunión foi o de concretar aspectos para a próxima sinatura do convenio de colaboración que asinan anualmente, co obxecto de materializalo “o máis rápido posible”, explicou a conselleira 

O orzamento total para este programa de colaboración será de 30.000 euros  

Rosa Quintana destacou o importante labor da Cruz Vermella en tarefas de seguridade e salvamento marítimo  
Foto: Ana Varela

Infogauda / Santiago de Compostela

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou o importante labor da Cruz Vermella en tarefas de seguridade e salvamento marítimo tras unha xuntanza mantida este mediodía coa presidenta da Asemblea Autonómica de Galicia na Coruña, María Carmen Colmeiro Rojo. O obxectivo desta reunión foi o de concretar aspectos para a próxima sinatura do convenio de colaboración que asinan anualmente, co obxecto de materializalo “o máis rápido posible”, explicou a conselleira. O orzamento total para este programa de colaboración será de 30.000 euros.
Rosa Quintana lembrou que a Xunta leva máis de 20 anos colaborando coa Cruz Vermella nesta materia e valorou a importancia da suma de esforzos en situacións de incidencia no mar. “Galicia é unha comunidade autónoma moi mariñeira e, por desgraza, algunhas veces hai accidentes e neses momentos necesitámonos todos”, subliñou.
No marco deste convenio, a Consellería colabora coa Cruz Vermella no mantemento de infraestruturas para axudar á xente do mar. A través del, a Asemblea Autonómica de Galicia da Cruz Vermella Española, que conta con estacións e postos de salvamento ao longo das costas galegas, encargarase de divulgar os métodos elementais de salvamento marítimo entre a poboación mariñeira e tamén participará en exercicios prácticos de rescate co fin de difundir as técnicas de uso dos medios empregados nesas probas.
Ademais, a través deste acordo, a organización comprométese a actuar en tarefas de salvamento marítimo e seguridade en coordinación cos medios da Consellería do Mar, poñendo os medios da institución humanitaria a disposición de calquera emerxencia alí onde sexan precisos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario