O BNG denuncia no Parlamento Galego o deficiente servizo de erradicación da vespa asiática no Baixo Miño
Infogauda / Baixo Miño
As deputadas do BNG, Tereixa Paz e Carme Adán, presentaron varias iniciativas sobre as condicións nas que se está a dar o servizo de eliminación dos niños de vespa velutina.
Desde o BNG afirman que "na Comarca do Baixo Miño ténse detectado como a presenza da avespa asiática se está a converter nun alarmante problema para os veciños en determinadas actividades produtivas como a apicultura, forestais e agrarias debido a súa grande proliferación.
No Bloque Nacionalista Galego do Baixo Miño temos coñecemento de queixas por parte de veciños e veciñas sobre a xestión que se está a realizar para poder desfacerse dos niños de vespa asiática, pois as chamadas ao 012 están sendo respondidas con máis dun mes de atraso, ou, nalgúns casos séguese sen tomar ningún tipo de medidas. No caso concreto de A Guarda, o portavoz municipal do BNG xa denunciou esta situación no Concello.
Ante as deficiencias no servizo de retirada dos niños increméntase a preocupación porque as vespas velutinas, que xa provocaron danos graves nas colmeas de abellas da zona e están a criar moitos máis avespeiros na Comarca.
Dende o BNG do Baixo Miño ínstase a Xunta de Galiza a que tome todas as medidas oportunas para mellorar o servizo de eliminación dos niños de avespas asiáticas".
Ningún comentario:
Publicar un comentario