8 de xan. de 2016

VIGO

A Delegación da Xunta en Vigo acolle o 22 de xaneiro unha xornada dirixida a profesionais do mundo da saúde e do dereito 

Baixo o nome ´Aspectos prácticos da responsabilidade profesional´, o evento permitirá compartir e transmitir coñecementos fundamentais e actuais cada vez máis necesarios no ámbito da Responsabilidade Profesional 

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e a directora da xornada, Noemí Morte, presentaron esta mañá o programa para o día 22 

Participarán 10 relatores de primeiro nivel nacional e internacional e altamente experimentados coma o xefe do servizo de Clínica Forense do Instituto de Medicina Legal de Jaén, o doutor Hernández Gil ou a profesora titular de Medicina Legal da Universidade de Zaragoza e deputada, Dolores Serrat 

A inscrición é gratuíta e estará aberta ata o mesmo día da xornada  

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e a directora da xornada, a médico forense titular do Imelga na Subdirección Territorial de Vigo, Noemí Morte, presentaron o programa da xornada

Infogauda / Vigo

 A Delegación Territorial da Xunta en Vigo acollerá o vindeiro día 22 de xaneiro a xornada ´Aspectos prácticos da responsabilidade profesional´ dirixida a profesionais do mundo da saúde e do dereito.  

 Esta mañá, o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e a directora da xornada, a médico forense titular do Imelga na Subdirección Territorial de Vigo, Noemí Morte, presentaron o programa da xornada que se levará a cabo durante todo o día no salón de actos do edificio administrativo.  

 López-Chaves gabou a celebración da xornada por tratar un tema de “especial relevancia” no que se refire á transcendencia que ten “dende o punto de vista profesional, xurídico e médico”, considerou. Coma explicou a organizadora, o evento foi demandado dende hai tempo por profesionais do mundo da saúde e do dereito co obxectivo de compartir e transmitir os coñecementos fundamentais e actuais que se necesitan cada vez máis no ámbito da Responsabilidade Profesional. Segundo Morte, na súa traxectoria profesional, observou unha “ausencia ou escaseza de coñecementos médico legais e xurídicos” sobre todo no persoal sanitario e, deste feito, é de onde xorde esta actividade formativa que espera que sexa “a primeira de moitas”.  

 Trátase así dunha xornada “pioneira” que é a primeira vez que se celebra en Galicia contando cun total de 10 relatores de “primeiro nivel” nacional e internacional e altamente experimentados. Especificou, por exemplo, a participación do xefe do servizo de Clínica Forense do Instituto de Medicina Legal de Jaén, o doutor Ángel Hernández Gil, que comezará os relatorios tras o acto de inauguración ás 9.00 horas ou a presenza da profesora titular de Medicina Legal da Universidade de Zaragoza e Deputada das Cortes en Aragón, a doutora Dolores Serrat Moure. “Teñen unha gran transcendencia a nivel nacional e internacional e fixemos un gran esforzo para que estean aquí e expliquen os campos de traballo actuais en España e en Europa”, informou a directora da xornada.  

 A partires de aí, tomarán parte outros xuíces, médicos e avogados para contar tamén, á primeira hora da tarde, coa intervención do xefe do servizo de Clínica Forense do Instituto de Medicina Legal de Cataluña, o doutor Amadeo Pujol, e a celebración dunha mesa redonda na que participará a fiscal xefe de Vigo, Susana García-Baquero. 

 Deste xeito, e coma apuntou López-Chaves, a xornada ten especial interese para médicos, fisioterapeutas, enfermeiras, odontólogos, farmacéuticos, avogados ou outros profesionais do dereito. A inscrición é gratuíta, estará aberta ata o mesmo día da xornada e pode formalizarse a través da web http://www.gestinvest-medical.es/contacto/nova venta, na dirección de correo electrónico jornadaresponsabilidadprofvigo@gmail.com ou no teléfono 639.331.412. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario