EDUCACIÓN
A Xunta destina 100.000 euros a centros concertados da Área Metropolitana de Vigo para atender ao alumnado con necesidades específicas
O Delegado Territorial da Xunta en Vigo destacou que na cidade serán 25 colexios os que recibirán estas axudas de apoio educativo por un importe de 90.000 euros
Infogauda / Vigo
En rolda de prensa o Delegado Territorial anunciou hoxe a resolución da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na que se regula o réxime de axudas económicas aos centros privados concertados da Área Metropolitana de Vigo, para atender ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2015-2016.
Ignacio López Chaves Castro fixo mención á partida de máis de 90.000 euros que recibirán os 25 colexios concertados de Vigo, dos 100.000 € destinados a toda a Área Metropolitana. “trátase dun 9% máis con relación ao curso anterior”, “e un 32 % do total das axudas de toda Galicia, cando a poboación escolar de Vigo é o 12 % de Galicia”, dixo.
Son beneficiarios destas axudas os alumnos que necesiten atencións específicas e apoio derivadas da discapacidade motórica, sensorial, intelectual ou trastornos do desenvolvemento e a conducta, que estén a cursar ensinanzas de educación infantil, primaria e ESO, formación profesional e formación básica.
O Delegado Territorial destacou que este tipo de subvencións da Xunta de Galicia, posibilitan a contratación de persoal complementario; logopedas, fisioterapeutas, axudantes técnicos, psicólogos, pedagogos, traballadores sociais e intérpretes, así coma coidadores, de apoio a estes estudantes. É posible tamén empregar estas axudas, en función das necesidades de cada centro, a reparación e mantemento de instalacións e adquisición de novo material co que satisfacer as necesidades deste alumnado, así como a compra de material específico ordinario.
Este investimento educativo da Xunta de Galicia en Vigo e no resto de Galicia, ten que permitir o máximo desenvolvemento persoal, intelectual, social e emocional das persoas que se formen tanto en centros públicos coma privados.
Reunión dos 14 alcaldes da Área Metropolitana
Noutro orde de cousas, na mesma rolda de prensa o Delegado Territorial anunciou a próxima convocatoria dunha reunión dos 14 alcaldes da Área Metropolitana para o vindeiro día 19, na Delegación da Xunta en Vigo.
Con esta xuntanza cúmprese co programa previsto pola Xunta de reunirse con cada unha das corporacións locais e rematar cunha reunión dos 14 alcaldes.
A intención é por en común as aportacións que se consideren por parte de cada rexidor co fin de pór en marcha a Lei da Área Metropolitana sen pór trabas que a paralicen.
O obxecto da reunión é debater, acordar e fixar as bases dunha posible proposta de modificación da Lei 4/2012, de 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo, para o que de seguro contaremos coa activa participación de todos na busca do consenso que satisfaga as lexítimas aspiracións de cantos conforman esta entidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario