A Consellería de Cultura e Educación convoca as axudas para o fomento do uso do galego en centros públicos
O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado día 30 de decembro a convocatoria dirixida aos colexios e institutos de titularidade pública
O prazo de presentación dos proxectos, elaborados polos equipos de dinamización da lingua, remata o día 30 de xaneiro
O departamento dirixido por Román Rodríguez mantén para este ano as axudas coas mesmas contías orzamentarias de 2014/15
Infogauda / Santiago de Compostela
A Secretaría Xeral de Política Lingüística fixo pública no DOG do pasado mércores 30 de decembro a orde pola que se anunciaba a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego que elaboren os equipos de dinamización lingüística de colexios e institutos de Galicia, públicos nos dous casos, para o curso escolar 2015/16. O prazo para se presentaren as solicitudes é dun mes contado a partir da publicación da orde, polo que conclúe o día 30 de xaneiro.
A convocatoria ten a finalidade de contribuír ao financiamento das actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega e o profesorado responsable de cada proxecto naqueles centros educativos públicos que impartan ensinanzas regradas de niveis non universitarios, e que conten con menos de seis unidades.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que dirixe Román Rodríguez, mantén para este ano as axudas coas mesmas contías orzamentarias do curso pasado, cun total de 300.000 euros.
Avaliación dos proxectos
Para a concesión dos incentivos de apoio ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego, as comisións terán en conta –fundamentalmente- a calidade do proxecto e ponderarase o número de estudantes do centro. Dita calidade será puntuada de 0 a 24 puntos e terá un peso do 80%. Quedarán desestimadas aquelas solicitudes que non reúnan un mínimo de 6 puntos neste apartado.
Ademais, avaliarase o grao de implicación activa no proxecto por parte dos membros da comunidade educativa; o nivel de utilización das novas tecnoloxías; o grao de colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro, co obxectivo de potenciaren o uso da lingua galega fóra do mesmo; o grao de colaboración con outros centros educativos no deseño da planificación lingüística e/ou na realización de actividades dinamizadoras; a realización de actividades plurianuais; e a tipoloxía de actividades organizadas ao longo do curso académico.
Reservarase o 20% restante ao número de alumnado co que conte o colexio ou instituto. A cada centro concederánselle 0,30 puntos por cada 50 estudantes ou fracción, ata un máximo de 6 puntos.
En función desta valoración, os centros recibirán unha cantidade variable que poderá chegar ata os 800 euros e que deberá destinarse ao desenvolvemento do devandito proxecto.
Orixe e natureza das axudas
O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia sinala a necesidade de afondar no desenvolvemento dos preceptos da lei de normalización lingüística no tocante ao ensino. Pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz.
O devantido decreto regula, no artigo 15, a constitución dun equipo de dinamización da lingua galega para potenciar o seu uso nos centros educativos. Coa finalidade de valorar e de apoiar o labor dos equipos de dinamización da lingua galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística considera necesario seguir a adoptar un conxunto de medidas de dinamización dirixidas á promoción da lingua galega nos centros educativos, polo que se convocan estas axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos.
Toda a información, na orde do DOG e no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Ningún comentario:
Publicar un comentario