18 de xan. de 2016

GALICIA

A Consellería do Medio Rural potenciará a figura do cabalo de pura raza galega coa creación dun banco de xermoplasma 

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias reuniuse con representantes da Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) 

A Xunta comprometeuse a renovar o convenio de colaboración para desenvolver un proxecto piloto de cría, tipificación e testaxe de poldros desta raza autóctona

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuniuse esta tarde con representantes da Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga)

Infogauda / Santiago de Compostela

 A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, comprometeuse esta tarde con representantes da Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) á creación dun banco de xermoplasma desta raza autóctona.  

 Con esta iniciativa, a Consellería do Medio Rural reafirma o seu compromiso e dedicación polas razas autóctonas galegas, poñendo a disposición desta asociación o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia (Fontefiz) para a posta en marcha dun banco de semen e embrións da raza cabalo galego.  

 Así mesmo, a directora xeral manifestoulle aos presentes a intención do seu departamento de renovar o convenio de colaboración -existente desde o ano 2010- para desenvolver un proxecto piloto de cría, tipificación e testaxe de poldros de raza equina Cabalo de Pura Raza Galega. Ao longo da xuntanza, Belén do Campo notificoulles tamén que serán beneficiarios das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas, cunha achega de 16.700 euros por levar a cabo, entre outras cousas, a xestión do libro xenealóxico desta raza.  
Puraga 
 A Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) é unha asociación sen ánimo de lucro, creada no ano 2005, con ámbito de actuación en todo o territorio de Galicia e sendo a encargada de xestionar o libro xenealóxico desta raza.  

 Os obxectivos primordiais desta asociación son preservar o patrimonio xenético para xeracións vindeiras; integrar, representar, defender e promover os intereses dos criadores desta raza e controlar o a inscrición e rexistro no libro xenealóxico.  

 Pola súa parte, a Consellería do Medio Rural apoia a través de distintos convenios e axudas este tipo de organizacións, xa que a conservación das razas autóctonas de Galicia están directamente relacionada coa preservación de ecosistemas e pastos, ademais de ser un valor engadido dos nosos produtos e un identificador da nosa cultura e patrimonio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario