23 de xan. de 2016

CULTURA

Anxo Lorenzo subliña a oportunidade que supón para a proxección da cultura galega a realización en Ourense do próximo Congreso Internacional do PEN 

Baixo o lema ‘Erguendo pontes literarias’, a iniciativa congregará na cidade 250 escritores e escritoras de todo o mundo

Anxo Lorenzo na presentación do evento, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel

Infogauda / Ourense

 O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asegurou onte venres que a realización do 82º Congreso Internacional do PEN na cidade de Ourense lle reportará á cultura galega unha gran proxección internacional, irmandando creadores de todo o mundo cos galegos e compartindo entre todos proxectos e plataformas de comunicación literaria.  

 Durante a rolda de prensa de presentación, Lorenzo Suárez asegurou que a iniciativa, -que terá lugar este ano entre o 26 de setembro e o 2 de outubro-, supón unha honra para Ourense e para Galicia acoller o congreso anual dun organismo internacional de referencia no ámbito da literatura, dos dereitos humanos e da liberdade de expresión. Tamén felicitou o Centro PEN Galicia, que organiza, xunto coa Deputación Provincial de Ourense, o evento, no que se darán cita 250 escritores e escritoras de todo o mundo.  
Presenza de Galicia no panorama cultural internacional 
 Na presentación do evento, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do presidente do PEN Galicia, Luís G. Tosar, e da concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias, Anxo Lorenzo recordou que Galicia estará moi presente no panorama cultural internacional con este congreso e tamén coa designación de Santiago de Compostela como cidade convidada na Feira Internacional do Libro de Buenos Aires 2016.  

 Logo do seu paso en 2015 por Québec, a nova edición do congreso chega a Galicia este ano cun programa literario aberto ao público contará con encontros con escritores e escritoras de renome internacional, obradoiros, recitais e presentacións. Ademais da Asamblea Xeral de Delegados, á que está previsto que asistan sobre 250 congresistas procedentes de máis de 70 países, haberá xuntanzas dos Comités da Paz, Tradución e Dereitos Lingüísticos, de Mulleres escritoras e dos Escritores en prisión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario