31 de xan. de 2016

CABO VERDE

A Xunta de Galicia comproba de primeira man en Cabo Verde os proxectos levados a cabo grazas ás axudas da cooperación galega 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda visitou hoxe o Instituto Nacional para Desenvolvimento das Pescas (INDP) e o Entreposto de Frio de Mindelo 

Cabo Verde ten sido definido como país prioritario da Cooperación Galega nos tres Plans Directores aprobados ata o momento

Alfonso Rueda comprobou de primeira man os proxectos levados a cabo en Mindelo

Infogauda / Mindelo (Cabo Verde)

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda comprobou hoxe de primeira man os proxectos levados a cabo en Mindelo, na illa de San Vicente, grazas ás axudas da Cooperación Galega nos últimos anos, que ascenden a máis de un millón de euros.  

 Alfonso Rueda visitou esta mañá o Instituto Nacional para o Desenvolvemento das Pescas, co que o goberno galego colabora actualmente no marco do proxecto “Fortalecemento de institucións académicas e de investigación en Cabo Verde como contribución ao desenvolvemento social, económico e ambiental do sector mariño”, que está sendo liderado polo Campus do Mar coa colaboración da Fundación CETMAR. Na actualidade, o proxecto, atópase na súa segunda fase de execución (2015- 2016) grazas ao financiamento da Xunta de Galicia. 

 Posteriormente, o titular da Vicepresidencia, visitou o Entreposto de Frío no Porto Grande de San Vicente de Mindelo, posto en funcionamento o pasado mes de outubro coma plataforma loxística estratéxica de distribución de produtos pesqueiros para todas as frotas que faenan no Océano Atlántico en xeral, e para a galega en particular, sobre todo para o sector do palangre de superficie, de grande importancia na zona.  

 Esta infraestrutura de tratamento, conxelación e conservación de produtos da pesca, incorpora diferentes cámaras de complexo de frío, tanto para peixe, especialmente túnidos, como para froitas, vexetais ou mesmo lácteos. No caso da liña de proceso da frota artesanal, conta con áreas de descabezado e eviscerado, fileteado, túneles de conxelado (con capacidade para 6.700 quilos diarios), envasado e conxelación en salmoira.   Cooperación Galega en Cabo Verde 
 Cabo Verde ten sido definido como país prioritario da Cooperación Galega nos tres Plans directores executados ata o momento, e aos que a Cooperación Galega ten destinado un total de 1.035.794 euros, cunha colaboración directa, financiando intervencións ca sinatura de diferentes convenios, fundamentalmente co Fogacosol e ca Fundación CETMAR, para o apoio ao sector pesqueiro e ao fortalecemento municipal.  

 O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSOL), comezou no ano 2002 ca cooperación bilateral coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos (ANMCV), tendo impulsado un total de 33 proxectos de cooperación internacional centrados en áreas como a habitabilidade, o xénero, a saúde e a educación. 

 Na mesma liña de cooperación, entre os anos 2006 e 2012, o CETMAR colaborou co Ministerio de Pesca de Cabo Verde na execución de varios proxectos relacionados co apoio ao desenvolvemento do Sector Pesqueiro Artesanal, contando para elo con financiamento de AECID e da Cooperación Galega. Tamén executou un proxecto de promoción do asociacionismo das mulleres das comunidades de pescadores, cun financiamento de 130.000 euros da Unión Europea.  

 Finalmente, o CETMAR, a través da Universidade de Vigo prestou asistencia técnica na execución do proxecto de fortalecemento das institucións de investigación e académicas relacionadas co ámbito mariño que foi financiado pola Cooperación Galega, na convocatoria de axudas para proxectos no exterior doutros axentes do ano 2012 e 2015.

Ningún comentario:

Publicar un comentario