Os soldos de 1.000 euros anunciados por Carmela Silva para o Plan de Emprego, convértense en 643,64 euros
Esa é a valoración dos deputados Nidia Arévalo e Ángel Moldes, tras ver as primeiras nóminas dos traballadores
• “Dicían que co PP tiñan soldos de miseria, e os traballadores cobran co novo plan de emprego 5 euros por hora, exactamente a mesma cantidade que cobraban co anterior”
• Recordan que non hai posibilidade de prórroga e os traballadores ingresan menos da metade do que recibían por seis meses de traballo
Nidia Arévalo e Ángel Moldes, na rolda de prensa que ofreceron no día de hoxe
Fotos: G.P.P.
Infogauda / Pontevedra
Os voceiros do grupo provincial do Partido Popular, Nidia Arévalo e Ángel Moldes, denuncian que as primeiras nóminas dos traballadores do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra revelan que “aqueles 1.000 euros de soldos dignos que anunciou a presidenta Carmela Silva convertéronse finalmente en 643,64 euros”. Nesta liña, tamén aclaran que “as contas demostran que os traballadores cobran con este novo plan de emprego 5 euros por hora, exactamente a mesma cantidade que cobraban co anterior plan, o plan que a presidenta cualificou como soldos de miseria”.
Segundo afirman os devanditos voceiros o soldo bruto por 35 horas de traballo á semana son 706,26 euros, e netos 646,93 euros. No último plan de emprego do PP, por 25 horas de traballo á semana o soldo eran 505,79 euros brutos, e 463,30 euros netos. “O soldo por hora traballada son, nos dous casos, 5 euros, polo que as únicas diferencias do plan de emprego do bipartito e do plan de emprego que puxo en marcha o PP están na xornada e na duración do contrato. Os mesmos que se encheron a boca criticando salarios de miseria e presumindo de salarios dignos son os que agora pagan exactamente o mesmo que pagábamos nós”, engaden.
O voceiro Ángel Moldes recorda que os traballadores non teñen posibilidade de prórroga con este contrato, polo que con este plan de emprego van recibir un total de 1.293,86 euros por dous meses de traballo, fronte aos ingresos que recibiron no último plan, que foron 2.779,80 euros por seis meses. “Este novo plan non mellora en nada ao anterior, ao contrario, empeórano bastante. Os traballadores reducen á metade os ingresos, diminúen en catro meses a cotización, e prexudica moito as condicións para os propios concellos”, explica.
A deputada Nidia Arévalo amosou o gasto que supón para os concellos a contratación de persoal, que no caso do Concello de Mos son algo máis de 3.000 euros para vestiario, recoñecementos médicos e prevención de riscos laborais. “Este gasto é o mesmo que temos que afrontar para dous meses de contrato e para seis”, explicou. Ao mesmo tempo que recordou que en realidade os operarios van traballar mes e medio –ao descontar días festivos e vacacións-, e nos peores meses para que as brigadas traballen no exterior.
Ángel Moldes amosa un chuvasqueiro dos facilitados os operarios contratados
“Despois vemos traballadores con chuvasqueiros de 1,5 euros ou mesmo non lles facilitan a roupa de augas”, denunciou Ángel Moldes, que aclarou que non culpa aos alcaldes desta situación, “porque non poden gastar en roupa para os operarios cando só van traballar para o concello mes e medio”. Entende que “a Deputación de Pontevedra tiña que ter previsto todas estas cuestións antes de poñer en marcha un plan de emprego de 2 meses e sen contar coa súas opinións”. Recordou, ademais, que os anteriores plans de emprego elaboráronse tendo en conta as prioridades dos alcaldes, con quen se valorou a cantidade de persoas, a duración do contrato e cales serían os meses máis interesantes para dar traballo a esas persoas.
Asemade, os populares advirten que para o ano 2016 non hai seguridade de que vaian continuar nin o plan de emprego nin os 1.500 postos de traballo que xeraba, porque o inclúen no Plan Concellos e deixan ao criterio dos gobernos locais destinar os fondos para contratación ou para investimentos, e poden destinar desde 0 euros ata o 22,50% dos fondos que reciben.


Ningún comentario:
Publicar un comentario