27 de out. de 2015

PONTEVEDRA

Carmela Silva centra a política da Deputación no benestar de todos os pontevedreses e as pontevedresas 

A presidenta da Deputación de Pontevedra destaca o novo modelo de relación coa cidadanía e cos propios concellos nos 100 primeiros días de goberno



Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou este martes día 27 de outubro, que o centro da política da nova institución provincial está no benestar de todos os pontevedreses e as pontevedresas "que é o que realmente importa". Silva fixo estas declaracións no acto co que celebraba os cen días do novo goberno da Deputación de Pontevedra, no que estivo acompañada polo vicepresidente, César  Mosquera, e o resto dos deputados.  

 Carmela Silva afirmou na súa intervención que, nestes primeiros cen días, a nova Deputación impulsou un novo modelo de relación coa cidadanía e cos propios concellos de toda a provincia. Así destacou o "goberno aberto", coas intervencións de todos aqueles colectivos que o desexen ante o Pleno da Deputación; "temos abertas as portas e ventás da Deputación que antes estaban pechadas", sinalou Silva.  

 Tamén destacou as relacións cos concellos, nas que se produciu  "un cambio estrutural, onde  a presidenta, o vicepresidente e o conxunto dos deputados provinciais pasan de situarse nunha posición de supremacía a unha situación de igualdade, acordo e colaboración cos concellos".  

 A presidenta falou da transparencia e a concorrencia como os eixes do proxecto político do novo goberno, como o demostran os cambios nos procedementos de contratación ou nos concurso-oposicións, "nos que agora toda a oposición política pode estar presente", sinalou Silva.  

 Entre as principais actuacións levadas a cabo ao longo destes cen primeiros días a presidenta destacou o novo plan de emprego, con máis de 1.500 novos traballadores nos concellos e melloras substanciais nas súas condicións laborais fronte ás que tiñan ata o de agora; o plan de mobilidade e o plan de compostaxe, así como as melloras en seguridade viaria nas estradas provinciais son tamén outras das políticas impulsadas.  

 De maior importancia son para Carmela Silva os novos servizos administrativos creados na Deputación para atender o emprego e a igualdade ou a futura área do goberno dedicada á cohesión social e á xuventude.  

 A posta en marcha dunha nova imaxe, feita con recursos propios, ou a nova web que incluirá a retransmisión vía streaming dos plenos da Deputación tamén foron destacados pola presidenta da institución provincial.   

 Por último, Carmela Silva quixo felicitar a totalidade dos funcionarios e os xefes de servizo polo esforzo realizado nestes cen días e o seu compromiso, incluso por  "respostar moitas veces máis alá do que lles pediamos".    

 Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, subliñou hoxe o entusiasmo e a gran dedicación do novo equipo de goberno provincial durante os primeiros 100 días de traballo. Mosquera sinalou que entrar a xestionar o organismo provincial foi "un reto elevadísimo, fortísimo... case unha aventura" debido ao deterioro no funcionamento interno da institución -que dependía case exclusivamente dunha soa persoa-, aos receos sobre as rivalidades entre Pontevedra e Vigo, así como ao pensamento que levaba a caer nos vellos vicios para resarcir situacións de maltrato histórico.  

 "O ritmo de acción no goberno foi acelerado e penso que logramos salvar os obstáculos deixando os temores disipados. Vencemos ben todos eses problemas, de xeito sincronizado no equipo de goberno, botando os proxectos adiante con forza e entusiasmo", engadiu Mosquera, que insistiu que ter afrontado a posta en marcha de novos proxectos nun período curto de tempo con resultados positivos "é motivo de satisfacción".

Ningún comentario:

Publicar un comentario