1 de out. de 2015

GALICIA

40 peregrinos con enfermidade mental e acompañantes chegan mañá a Compostela

O grupo de peregrinos de FEAFES Galicia será recibido no Concello de Santiago pola Concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández.

Con esta iniciativa, os participantes queren loitar activamente contar o estigma que sofre o colectivo de persoas con enfermidade mental.



Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela

 Arredor de 40 peregrinos, entre os que se atopan persoas con enfermidade mental, monitores e familiares, están a realizar o Camiño de Santiago para chegar a Compostela mañá, venres 02 de outubro. Trátase dunha actividade organizada pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, que se realiza por sexto ano consecutivo tras a gran aceptación e participación que recibiu nas anteriores edicións.

 A viaxe comezou o pasado mércores 30 de setembro en Salceda (O Pino) e culminará mañá coa chegada á Praza do Obradoiro. Unha vez alí, todos os peregrinos recibirán un certificado que acredita que percorreron 28 quilómetros do Camiño de Santiago. 

 Tras acudir á Misa do Peregrino, ás 12:45 serán recibidos no Concello de Santiago por Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais, que dará a benvida aos peregrinos. Nesta recepción intervirá ademais un usuario de FEAFES Galicia que está a realizar o Camiño de Santiago, que explicará o beneficiosa que resulta esta experiencia e o importante que é loitar contra os obstáculos cos que se atopan as persoas con enfermidade mental no seu día a día.

 Un dos principias obxectivos desta iniciativa, organizada polo Departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia, é amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con enfermidade mental, loitando así de modo activo contra o estigma social que sofren. Ademais, esta iniciativa serve para reivindicar a creación, mantemento e desenvolvemento de recursos orientados á recuperación das persoas con enfermidade mental e para demandar que dispoñan dunha atención integral con continuidade nos coidados.

 Esta viaxe de tres días tamén serve para que as persoas con enfermidade mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde. Así mesmo, ten un factor lúdico rehabilitador, xa que permite que os participantes se integren na sociedade e realicen actividades colectivas. De feito, ao longo destes días, os arredor de 40 participantes puideron coñecer peregrinos de todos os lugares do mundo e intercambiar experiencias con eles, ademais de gozar da natureza.

 Os participantes desta sexta edición do Camiño de Santiago pertencen ás asociacións Apem (A Coruña, Betanzos, Cambre, Carballo e Cee), Morea (O Barco de Valdeorras), Afaes Portanova (Narón) e Andaina (Ordes e Dodro), todas elas integradas na Federación. Ademais dos usuarios das asociacións, tamén participarán nesta actividade un grupo de usuarios dos Clubs de Ocio que ten FEAFES Galicia nas súas diferentes delegacións (A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago).

FEAFES Galicia 

 A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 6.200 socios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario