O CONCELLO INSTALA UNHA CADEIRA ELEVADORA NA PISCINA PARA MELLORAR A SÚA ACCESIBILIDADE
"Aínda que a súa instalación non é obrigatoria, o grupo de goberno municipal é moi sensible ás demandas de adaptación dos edificios locais ás necesidades das persoas con mobilidade reducida, polo que valora moi positivamente esta instalación".
De esquerda á dereita, o Alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, xunto con Ana González Portela, directora da piscina municipal, e Paulino Rodríguez González, Concelleiro de Servizos
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda ven de instalar unha cadeira elevadora na piscina municipal para mellorar a súa accesibilidade. Esta instalación, que supón un investimento por parte do Concello, de preto de 6.000 euros, facilitará tanto o acceso como a saída da auga a todas aquelas persoas que teñan mobilidade reducida ou as persoas maiores con algunha limitación.
O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e o Concelleiro de Servizos, Paulino Rodríguez González, xunto coa directora da piscina, Ana González Portela, visitaron esta mañá as instalacións para coñecer, de primeira man o funcionamento desta cadeira e os diferentes servizos que ofrece.
Ana González afirmou que, "(...) dende que esta cadeira elevadora está instalada, son varias as persoas maiores que a utilizan, sobre todo, para saír da auga. Ademais, contou, a piscina municipal ten un usuario que usa cadeira de rodas polo que lle é moi útil (...)".
“Penso que con esta ferramenta quizais podamos chegar a máis usuarios e ademais, moitos dos que xa temos non decidirán deixala cando comece a custarlle subir ou baixar polas escaleiras”, comentou González.
"Coa instalación desta cadeira elevadora - afirmou o Concelleiro de Servizos -, dáselle resposta a unha demanda dos usuarios da piscina municipal".
"Aínda que a súa instalación non é obrigatoria, o grupo de goberno municipal é moi sensible ás demandas de adaptación dos edificios locais ás necesidades das persoas con mobilidade reducida, polo que valora moi positivamente esta instalación", afirman desde o Concello de A Guarda.

Ningún comentario:
Publicar un comentario