1 de out. de 2015

A GUARDA

DIVERSAS ACTIVIDADES NUNHA FIN DE SEMANA MOI DINÁMICA NA VILA 

A primeira delas é a iniciativa “Conversas coa Xuventude”, que terá lugar este venres día 2 de outubro, ás 20,30 horas na Casa dos Alonso


Infogauda / A Guarda

 Esta fin de semana son moitas e moi diversas as actividades organizadas na vila de A Guarda.

 A primeira delas é a iniciativa “Conversas coa Xuventude”, organizada pola Concellería de Xuventude do Concello de A Guarda. Esta actividade, que terá lugar este venres día 2 de outubro, ás 20,30 horas na Casa dos Alonso, nace coa intención de crear un espazo de encontro entre a administración local e a mocidade.

 Nesta primeira sesión, que leva por título “Implicación entre a xuventude e o Concello” intervirán José Manuel Domínguez Freitas, ex alcalde de A Guarda e Antonio Lomba Baz, actual alcalde do municipio.

 “Conversas coa Xuventude” quere facilitar ferramentas de participación directa á mocidade para que teñan a oportunidade de expor e facer chegar as súas propostas, necesidades e demandas ó Concello.  

 Sábado e domingo  

 O sábado, 3 de outubro, o Concello ten organizada unha nova andaina. Neste caso o roteiro será polos montes da Pedrada e da Magdalena, no Concello de Tomiño. A saída é as 8,30 horas da explanada da Sangriña e espérase que a chegada sexa aproximadamente ás 18 horas.  

 Durante esta andaina se percorrerán enclaves de alto valor paisaxístico que ofrecerán os participantes excelentes vistas panorámicas das comarcas do Baixo Miño e Val Miñor.  

 O longo de toda a xornada do sábado, no auditorio guardés de San Bieito, o Centro Social O Fuscalho organiza a súa V edición do Mercadinho Sustentável. Nesta ocasión a actividade contará coa actuación de “Cé Orquesta Pantasma”.  


 Por último o domingo terá lugar a “15K do Atlántico” que percorrerá os Concellos de A Guarda, Oia e O Rosal. 

 A carreira comezará as 11 horas dende o campo de fútbol de Oia e rematará o final do paseo marítimo guardés.

 Este ano, por primeira vez, celebrarase á vez a primeira edición da “Andaina 15K do Atlántico”. A saída para os participantes será ás 10 horas dende o mesmo punto da carreira e terminarán, tamén, xunto aos corredores no porto de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario