1 de xuño de 2015

VILA NOVA DE CERVEIRA

Galicia e o Norte de Portugal alíanse para favorecer a contratación de traballadores transfronteirizos

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe en Vila Nova de Cerveira no segundo ‘Job Day’ da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal 

 O obxectivo é facilitar o contacto entre empresarios e profesionais da hostalería e o turismo e promover a mobilidade de traballadores a ambos lados da Raia 

 As empresas participantes acoden con preto de 40 ofertas de emprego 

 O Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión e o Programa Operativo Interreg 2014-2020 introducen entre as súas prioridades a creación de emprego de calidade 


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa intervención no acto de apertura do evento

Infogauda / Vila Nova de Cerveira

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na mañá do luns día 1 de xuño, en Vila Nova de Cerveira na inauguración do segundo ‘Job Day’ da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, que este ano se centra na hostalería e o turismo; sectores no que os participantes acoden con preto de 40 ofertas de emprego en ambas zonas.  

 A iniciativa está promovida conxuntamente pola AECT, a Rede EURES, o Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal e a Consellería de Traballo e Benestar. O seu obxectivo é facilitar o contacto entre empresarios e profesionais do sector da hostalería e o turismo e promover así a mobilidade e a contratación de traballadores en Galicia e o Norte de Portugal.  

 No acto de apertura, Rueda lembrou que o Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión da Xunta introduciu a creación de emprego de calidade como o seu segundo eixo; e que esa mesma prioridade foi incoporada tamén ao Programa Operativo Interreg para os anos 2014-2020, que vai financiar os proxectos transfronteirizos.  

 Por iso a Xunta sigue a avanzar para mellorar a mobilidade laboral, para que non existan barreiras. Nese contexto, xorden este tipo de xornadas polo emprego, que tratan de ofrecer máis oportunidades ás persoas traballadoras de ambos lados da ‘Raia’.  

 O primeiro ‘Job Day’ da Eurorrexión celebrouse en Tui en xullo do ano pasado e tivo como protagonistas ás empresas metalúrxicas. Nesta ocasión o programa consiste en dous workshops temáticos: un sobre emprego e outro sobre turismo e hostalería na Eurorrexión.  

 No primeiro houbo relatorios sobre o mercado de traballo transfronteirizo, homologación de títulos de FP no sector de hostalería e apoios á contratación. No segundo trataranse as estratexias conxuntas de promoción, o financiamento do sector e novos negocios.  


 Na inauguración tamén participaron o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, o delegado rexional do Norte do IEFP, César Ferreira, a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, a coordinadora do EURES Transfronteirizo, Teresa Ventín, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario