19 de abr. de 2015

TUI

O BNG-Asembleas Abertas de Tui presentou a súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais con Carme Núñez como cabeza de lista
   
Carme Núñez - no centro da imaxe - coalcaldesa de Tomiño, Sandra González e Luis Bará, concelleiro de centro histórico e mobilidade de Pontevedra

Infogauda / Tui

 O BNG-Asembleas Abertas presentou a súa candidatura no Concello de Tui con Carme Núñez como cabeza de lista para os comicios municipais do 24 de maio, unha candidatura renovada tras un proceso de asembleas abertas á veciñanza do concello que facilitou a incorporación de persoas independentes que apostan polo proxecto político do Bloque para aportar solucións aos problemas do municipio. 
  
Imaxe que ofrecía a Sala Félix Rodríguez na presentación da candidatura do BNG - Asembleas Abertas de Tui

 O acto tivo lugar na Sala Félix Rodríguez,  presentado por Carme Verde, ex- concelleira de Tui, e contou coa asistencia de de máis de 160 persoas.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o concelleiro de centro histórico e mobilidade de Pontevedra, Luis Bará, arrouparon a presentación da candidatura cunha charla colóquio “Concellos do BNG premiados internacionalmente”.   

 O Concello de Pontevedra ten recibido ultimamente varios premios internacionais relacionados coa contribución para o desenvolvemento humano e urbano. Entre eles o outorgado pola ONU en Dubai.   

 O Concello de Tomiño, tamén gobernado polo BNG, obtivo entre outros o premio de Boas Prácticas, Dereitos da Infancia e Política Municipal 2014, outorgada por Unicef, valorando proxectos ou actuacións exemplares a favor da infancia e a adolescencia.  

                                     Carme Núñez, candidata do BNG á Alcaldía de Tui

 Pola súa banda, Carme Núñez sentiuse emocionada de  ver a cantidade de xente que acompañou ao BNG-Asembleas Abertas  neste acto e o apoio optimista recibido fai ter máis seguridade no proxecto político.  

 A candidata á Alcaldía salientou a necesidade dun goberno en Tui que sexa quen de entender as verdadeiras necesidades e demandas das veciñas e veciños.

Ningún comentario:

Publicar un comentario