16 de abr. de 2015

GONDOMAR

Os faladoiros do IEM: “Gómez Román: arquitecto e galeguista”. 

Venres 17 e 24 de abril, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira, 10, baixo, Gondomar)

Cartaz oficial dos faladoiros, deseñado polo artista plástico Fino Lorenzo

IEM / Gondomar

 A obra e traxectoria do arquitecto Manuel Gómez Román (1875-1964) vertebrará un ciclo de faladoiros organizado polo IEM baixo o título “Gómez Román, arquitecto e galeguista”. A primeira conferencia “Manuel Gómez Román. A procura dunha arquitectura do lugar”, estará a cargo do historiador Xosé Ramón Iglesias Veiga, membro do Instituto de Estudos Vigueses. Será este venres 17 de abril ás 20:30 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira, 10, baixo, Gondomar), e contará cunha presentación da arquitecta e membro do IEM, Rosa Mouriño.  

 O ciclo continuará o seguinte venres 24 de abril, á mesma hora e lugar, cunha intervención de Francisco Domínguez Martínez, director da Fundación Penzol. “Arredor da obra e figura de Manuel Gómez Román”, será o tema deste faladoiro que contará cunha presentación a cargo do enxeñeiro industrial e membro do IEM, Xaquín de Acosta Beiras. 

 O ciclo pretende amosar unha ampla mirada sobre Gómez Román, quen abarcou distintos estilos arquitectónicos, destacando no modernista, ecléctico e o rexionalista inspirado na arquitectura monumental galega e a edificación tradicional. Autor entre outros proxectos e construcións emblemáticas en Vigo e comarcas,  do Monumento á Mariña Universal que preside no alto de Monteferro (Panxón – Nigrán).  

 Pero ademais Gómez Román tivo un importante papel na vida social, política e cultural do país. Formou parte da Corporación Municipal viguesa, foi secretario xeral do Partido Galeguista, fundador en Vigo da Agrupación ao Servizo da República e candidato ás eleccións municipais de 1936 pola Fronte Popular. 

 No ámbito cultural tamén mostrou unha gran implicación, participando na fundación da Editorial Galaxia e como membro da Real Academia Galega. 

 Por todo isto, os faladoiros abranguerán tanto na súa vertente arquitectónica como na social, política e cultural. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario