30 de mar. de 2015

A GUARDA

A ASOCIACIÓN RECUPERACIÓN TRAXE GALEGO DE A GUARDA, ORGANIZOU UNHA EXCURSIÓN A COMARCA DO DEZA

A viaxe enmarcouse dentro do programa "Coñece túa provincia", auspiciada pola Deputación Provincial de Pontevedra


O grupo de excursionistas nada máis chegar á vila de Lalín
Fotografías: Ricardo Rodríguez Vicente



Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda


 Organizada pola Asociación Recuperación do Traxe Galego, de A Guarda, o pasado sábado día 28 de marzo, tivo lugar unha excursión a comarca do Deza, na que participaron 109 persoas das tres parroquias de A Guarda, así como veciños do Rosal e dúas parellas de Estás (Tomiño).

 Logo de saír de A Guarda, en dirección a Ourense, para a continuación chegar a Lalín, e pasar por diante da Finca Mouriscade, da Deputación de Pontevedra; a primeira parada foi na aldea de Codeseda, en Doade, onde os excursionistas foron recibidos polo atento persoal do Museo Etnográfico Casa do Patrón. O devandito museo conta con máis de 2.000 m2 de exposición, en tres inmobles, nos que se expoñen - perfectamente identificadas - máis de 4.000 pezas recollidas por toda Galicia. 

Vista parcial de unha das salas do Museo Etnográfico Casa do Patrón 

 O Museo Etnográfico Casa do Patrón ten trece espazos expositivos, organizados temáticamente, nos que os trebellos que adoitaban empregarse no mundo rural da Galicia doutrora, son os verdadeiros protagonistas. De tal xeito que ollando o amplo contido museístico exposto o público, é doado entender o xeito de vida dos nosos devanceiros. As antigas escolas tanto na época da II República, como as posteriores; ferramentas para o traballo no agro; o laborioso ciclo do liño; oficios como o de afiador, cesteiros, zapateiro,...; a lareira, o forno do pan,..., o reducido enxoval doméstico, as modestas alcobas,...; unha vella taberna; o lagar; a matanza do porco; a sega, a malla, ...Todo iso, e máis, pódese ollar no Museo Etnográfico Casa do Patrón, que conta con catro destacadas distincións (Embelecemento Award Gallego Rural Agader 2002; Compromiso de Calidade Turística SICTED desde 2005; Premio Provincial de Iniciativa Cultural Máis Innovador 2008; e Compromiso de Calidade Turística SICTED desde 2005). 

Houbo tempo mesmo para a foto co "porquiño" en pleno centro de Lalín

 A continuación os excursionistas foron trasladados o centro urbán de Lalín - considerado o quilómetro 0 de Galicia - , onde logo de facerse unha "foto de familia", na Praza da Igrexa, preto do monumento a Xosé Cuiña Crespo, puderon pasear por varias rúas céntricas, facerse fotos a carón do "porquiño" sito na Rúa Colón, mercar productos do agro - freixons, grelos, noces, patacas, kiwis,...- e tamén embutidos, mel, pan, queixos do país, xamón,..., nos postos situados na Praza da Torre, en plena rúa, fronte o Monumento o Aviador Joaquín Loriga Taboada, natural de Lalín, o primeiro piloto que fixo a ruta aérea Madrid - Manila (Filipinas).

Unha escultura representando o xenial "Laxeiro", no exterior do Museo Ramón María Aller

 O paseo pola vila de Lalín, permitiu que os excursionistas, coñecesen a puxanza deste concello galego, perfectamente comunicado por estrada e ferrocarril, e relembraran o xenial pintor Xosé Otero Abeledo "Laxeiro" e o astrónomo Ramón María Aller Ulloa. 

 Logo dese paseo, os excursionistas serían trasladados á Rúa da Ponte, para xantar con total tranquilidade, no restaurante Pontiñas.

Mosteiro de Carboeiro, o emblema de Silleda

 Pola tarde, a excursión continuaría por terras de Silleda, con unha visita o Mosteiro de Carboeiro, onde unha guía turística informou o público sobor da historia do mosteiro, fundado no século X, tendo súa época de esplendor entre os séculos XI e XIII, en plena Idade Media.

 Como xa explicaran previamente ás dúas guías que ían nos dous autocares da excursión, "(...) a reforma bieita impulsada dende Clunny chega a Galicia durante o s. XI, reforzando o papel económico e político do monacato.

 A comunidade monástica de Carboeiro aumenta, recibe numerosas doazóns privadas, afora terras e inmobles e efectúa compras. As súas propiedades salpican Galicia. Afonso VII, Fernando II e Afonso IX outorgan e reafirman privilexios e realizan importantes doazóns ao mosteiro (...)".

 A guía do Mosteiro de Carboeiro tamén informou da orixe desa denominación, vencellada á producción - fai séculos - de carbón vexetal.

Pórtico da igrexa do Mosteiro de Carboeiro

 A igrexa de Carboeiro presenta numerosas influencias da catedral de Santiago. Entre elas destaca o uso das novas bóvedas de cruzaría ensaiadas en Compostela e a decoración da portada principal - obra de un díscipulo do Mestre Mateo - que representa aos anciáns músicos da Apocalipse, como no Pórtico da Gloria.

 A partir do s. XIV o mosteiro entra en crise. As doazóns e compras diminúen notablemente e as propiedades monacais padecen ataques e depredacións por parte dos nobres. Nin sequera a protección real pode frear o proceso.    

 No ano 1499, como resultado da reorganización de centros relixiosos promovida polos Reis Católicos, Carboeiro perde a autonomía e anexiónase ao mosteiro compostelán de San Martiño Pinario, transformándose en priorato.

 Coa Desamortización de Mendizábal de 1836, a casa prioral e varias terras do seu redor saen a poxa pública, mentres que a igrexa pasa a mans do bispado de Lugo. O conxunto monacal queda exposto ao espolio e o abandono.

 Nos anos 70 do s. XX fanse as primeiras actuacións co obxectivo de limpar e consolidar o mosteiro. En 1989 o Concello de Silleda merca a casa monacal e os terreos do redor. Finalmente, entre 1990 e 2009 o Concello e a Xunta de Galicia realizan as labores de rehabilitación integral de conxunto monacal.   

 Carboeiro foi declarado Monumento Histórico-Artístico no ano 1931. Actualmente é BIC (Ben de Interese Cultural), máxima figura de protección do patrimonio histórico.

  Logo da visita o Mosteiro de Carboeiro, os excursionistas foron pola estrada N-525, que une Ourense con Santiago de Compostela, e logo pola estrada comarcal 204, ata á parroquia de Pazos, tamén no termo municipal de Silleda, para facer un breve paseo, camiñando ata os miradores da Fervenza do río Toxa, considerada a máis alta de Galicia en caída libre.

Fervenza do río Toxa

 A Fervenza do río Toxa, está integrada n´un espazo de alto valor paisaxístico que forma parte do Sistema Fluvial Ulla-Deza e participa no proxecto europeo Rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria.  

 Rematada á visita a ese fermosísimo lugar, os excursionistas dirixíronse deica Santiago de Compostela, para retornar pola Autoestrada do Atlántico en dirección á Tui e desde alí ata A Guarda, chegando á vila do Trega, pouco despois das 20:15 horas, coa satisfacción de haber compartido felizmente unha gratísima xornada cultural, na que á atención os participantes merece un sobresaínte. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario