25 de set. de 2014

ENSINO

INCIDENCIAS NO INICIO DO CURSO NO SUR DE PONTEVEDRA   

A CIG-Ensino expresa o seu apoio ás comunidades educativas mobilizadas en demanda do profesorado que lles corresponde  

 A CIG-Ensino rexeita a actitude da Xefatura Territorial que responde aos problemas educativos con prepotencia e utilizando a web institucional da Consellaría para insultar o profesorado e os pais e nais dos centros que reclaman atención ás súas necesidades.

   Apoio ás mobilizacións convocadas para este venres e sábado: 

A CIG-Ensino expresa o seu apoio ao profesorado e pais e nais do CPI Suárez Marquier no Rosal e o CEIP Feliciano Barrera de Ponteareas que se mobilizarán esta fin de semana. Concretamente este venres 26 está prevista unha concentración ás 19:30 horas no cruce entre a nacional 120 e a comarcal que dá acceso a Guláns, en Ponteareas e o sábado 27 unha manifestación que sairá do CPI Suárez Marquier no Rosal até o concello. Estes dous centros levan varios días mobilizados, no CPI Suárez Marquier profesorado e nais e pais permanecen pechados desde o día 10 de setembro e no CEIP Feliciano Barrera están a concentrarse cada día ao remate da xornada escolar. 

Estes centros reclaman unha cuestión elemental que é que se cumpran os catálogos en vigor, é dicir, a orde aprobada en 2010 (2013 para o CEIP Feliciano Barrera) na que se establece canto profesorado e de que especialidades lles corresponde a estes centros en función do número de unidades que teñen. Un cadro de persoal que se viu cumprindo até finalizar o curso 2013-2014, mais que hoxe, inexplicabelmente, o Xefe Territorial de Pontevedra se nega a cubrir. 

A CIG-Ensino presenta recurso para esixir o cumprimento da orde de catálogos: 

Nesta situación, a CIG-Ensino que procurou en todo momento solucionar a problemática destes centros mediante o diálogo e a negociación na Xefatura Territorial, vai presentar recurso contra a Adxudicación de profesorado para este curso, por non cumprirse o que manda a Orde de catálogos para estes dous centros e outros tres na provincia de Pontevedra. 

Neste momento, a Xefatura territorial está negando a cobertura do profesorado que marcan os catálogos ao CPI Suárez Marquier en que falta o segundo profesor de Educación Física e aos CEIPs Feliciano Barrera en Ponteareas, Barrantes en Tomiño, CEIP de Abelendo e EEI de Verducedo en Moaña, nestes catro casos non adxudicando a cuarta praza de infantil que está establecida para os centros que superan as tres unidades. 

Desatención das necesidades educativas por parte da Xefatura Territorial: 

A día de hoxe, no sur da provincia de Pontevedra, danse tamén outros problemas que poñen en evidencia a falta de interese da Xefatura Territorial por atender as necesidades dos centros e dotalos cos recursos necesarios para abordar as tarefas que lles corresponden. 

É co caso do Concello de Tui en que os sete centros de Infantil e Primaria solicitaron o incremento do profesorado de Audición e Linguaxe (AL) para poder atender debidamente todos os casos de necesidades específicas que se producen nos centros do concello. Mais a Xefatura Territorial, en lugar de atender a petición dos centros, asignando un profesor de AL máis este curso (serían un total de 6) comezou reducíndolles o profesorado de AL respecto do que tiñan o ano pasado. A día de hoxe a Xefatura territorial manifestou que vai manter a situación do ano pasado, 5 AL, mais este compromiso aínda non se efectivizou. En todo caso, para a situación actual dos centros, en que se incrementaron as necesidades educativas específicas respecto do ano pasado, 5 profesores de AL son insuficientes. 

En canto á implantación da FP Básica, comprobamos precipitación e desinterese polo alumnado do ensino público. 

No Val Miñor redúcese a oferta respecto dos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) que existían o ano pasado, pois desaparecen os dos dous centros de Secundaria de Gondomar e o do CPI de Panxón. No caso concreto de Gondomar, carecen de oferta, o que implica que o alumnado ao que se lle recomende realizar esta FP terá que desprazarse do concello, sucedendo que, ao non contar o Val Miñor cun transporte axeitado, o alumando de Gondomar ten que escolarizarse en Vigo (se pode facelo) e non sempre atopa prazas suficientes na pública, pois a realidade é que mentres se reduce a oferta para este alumnado na pública, pois son menos os cursos de FP Básica cós PCPI que se ofertaban antes, si se incrementou o número de unidades concertadas na privada (79) unha maioría delas de FP Básica, precisamente. 

A oferta de FP Básica redúcese no Val Miñor ao IES Escolas Proval, en Nigrán, e o IES 1º de Marzo en Baiona. Mais neste segundo caso a Consellaría impón unha modalidade de formación que non pertence á familia de FP que se imparte no centro, o que crea un problema organizativo e de recursos para a atención deste alumnado que comezou as súas aulas o día 15. Tal e como o centro lle trasladou á Xefatura Territorial non contan nin coas instalacións nin cos recursos necesarios para impartir a FP Básica de Electricidade e electrónica, mais esta circunstancia parece non importarlle á Administración. 

A resposta da Xefatura Territorial ás necesidades dos centros é insultos ao profesorado e desprezo das comunidades educativas afectadas: 

Ante as xustas e xustificadas demandas dos centros, a resposta do Xefe Territorial de Pontevedra, Pérez Ares, é de prepotencia e desprezo, utilizando mesmo a páxina web de Educación para insultar o profesorado ou mesmo enviarlle mensaxes coercitivas do tipo: “a Consellería agarda que o centro adopte unha actitude responsable en prol do beneficio do alumnado, evitando calquera instrumentalización deste asunto fóra das marxes do sistema educativo”. 

Desde o día 10 de setembro a Consellaría non se privou de utilizar a páxina web institucional de Educación para desprezar as demandas dos centros. Así sucedeu co CPI Suárez Marquier, CEIP Feliciano Barrera e IES 1º de Marzo, aos que foi respondendo na web institucional ocultando a realidade legal dos centros, é dicir que contan cun catálogo de profesorado que lle establece que o profesorado que reclaman é o que lles corresponde por lei, manipulando os datos das rateos das aulas para desacreditar o centro, ou directamente mentindo sobre a dotación dos centros, como no caso do IES 1º de Marzo. 

A CIG-Ensino denuncia esta actitude da Administración e manifesta o seu apoio a todos estes centros. 

A CIG-Ensino estará presente nas mobilizacións previstas para este venres e sábado e en datas vindeiras reclamará da Xefatura Territorial, unha vez máis, que resolva todas e cada unha das incidencias dos centros e cese na súa actitude irrespectuosa coas traballadoras e os traballadores dos centros educativos.
(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario