A CIG-Ensino denuncia a neglixencia da Xefatura territorial de Educación de Pontevedra que non resolveu aínda as peticións de profesorado para o vindeiro curso, de acordo coas necesidades dos centros
Á data de hoxe a Xefatura territorial está a incumprir a Orde que fixa os cadros de persoal en varios centros
A CIG-Ensino denuncia a neglixencia da Xefatura territorial de Educación de Pontevedra que non resolveu aínda as peticións de profesorado para o vindeiro curso, de acordo coas necesidades dos centros. Especialmente grave é o feito de que, a data de hoxe, a Xefatura territorial está a incumprir a Orde do 12 de agosto do 2010 polo que se establece o número de unidades e postos de traballo docentes en educación infantil, primaria e educación especial. Varios centros da provincia de Pontevedra non contan aínda con todo o profesorado necesario para comezar as aulas o vindeiro día 10. Nalgúns casos trátase de postos necesarios por mor das necesidades específicas de atención educativa que precisan os centros. Mais son varios tamén os casos de centros en que non está cuberto o cadro de persoal que fixa a lexislación aprobada por esta mesma Administración a través da orde antedita e as súas sucesivas modificacións, a máis recente en agosto de 2014.
É inadmisíbel que a Xefatura territorial actúe deste xeito, incumprindo a lexislación vixente e poñendo en entredito o traballo dos centros.
Mais é especialmente grave e denigrante que ante esta situación tanto os propios centros como a CIG-Ensino non obtivésemos resposta de ningún tipo desde o día 1 de setembro. A CIG-Ensino denuncia esta neglixencia, que é unha mostra máis do desprezo que este equipo de Educación lle dedica ao profesorado. É absolutamente inadmisíbel que o máximo representante da Xefatura territorial, Pérez Ares, non estea localizábel nesta semana e que non responda á petición de entrevista urxente formulada polo sindicato, nin á petición das prazas non cubertas realizada novamente (xa se reclamara en todas as reunións anteriores, algunha delas desde maio de 2014) por escrito o mesmo día un.
É inadmisíbel que até a semana que vén, na véspera do inicio do curso, os centros non saiban que vai suceder con estas prazas. O profesorado está nos centros desde o día 1 planificando o novo curso escolar. Os equipos directivos teñen que ter os horarios confeccionados, para que o curso comece con normalidade e todo funcione como é debido, evitando a indesexábel situación de que o curso se inicie sen saber se o profesorado que ten asignado o alumnado e os apoios previstos son ou non os definitivos.
Mais o Xefe territorial de Educación de Pontevedra, responsábel último da adxudicación de postos, non recibe, nin atende chamadas, nin responde aos escritos.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario