15 de mar. de 2014

OIA

ACAMO AGRADECE PÚBLICAMENTE A ACTITUDE DE ESTER ESTÉVEZ GONZÁLEZ, POLA SÚA CONTRIBUCIÓN Á MELLORA DAS CONDICIONS DA IGREXA DO MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE OIA

Vista parcial da igrexa monacal de Santa María de Oia
Foto: ACAMO

ACAMO / Oia

 A principios de 2013, a Asociación Cultural Amigos do Mosterio de Oia, ante o estado de deterioro das ventás da igrexa monacal, acomete a reposición de dúas delas, a da capela maior, e a dunha das capelas da cabeceira. No outono repón a situada na zona occidental do brazo Sur do cruceiro. Estas reposicións a Asociación finánciaas co recadado nas visitas guiadas ao mosteiro.

         Ester Estévez González - a esquerda da imaxe - xunto con un veciño de Oia
                                                   Foto: ACAMO

 Animada por esta iniciativa de ACAMO, a veciña de Santa María de Oia, Ester Estévez González, quen se encarga de acompañar ós que o solicitan na visita á igrexa decide que o euro recadado nesta actividade se adique á reposición das tres ventás situadas enriba do arco triunfal. A finais de febreiro de 2014 colócanse outras 2 ventás, esta vez da parede Sur da igrexa, unha delas fundamental para a conservación dun retablo. ACAMO quere recoñecer públicamente a exemplar actitude de Ester que contribuíu a mellorar as condicións da igrexa, non só para os visitantes interesados na arte, a arquitectura, e a historia, senón tamén para os que acoden a ela ás actividades relacionadas co culto.

 A reposición destas 9 ventás, vén a testemuñar que é a iniciativa privada de forma solidaria a que de xeito importante está a asumir a preocupación da conservación da igrexa de Oia. Recordemos que a reparación dunha parte do tellado en 2013, o foi coa colaboración dos veciños da parroquia, e a comunidade de montes de Santa María de Oia.

  A igrexa monacal de Santa María de Oia comezada a súa construción a finais do século XII e consagrada no primeiro terzo do século XIII, é un dos mellores exemplos conservados da arquitectura da orde do císter, e o monumento máis visitado do Concello de Oia. 

  O conxunto monacal de Santa María de Oia é monumento nacional de interese histórico artístico dende 1931.

Ningún comentario:

Publicar un comentario