14 de out. de 2013

TOMIÑO

TOMIÑO ADICA Á MÚSICA A SÚA PROGRAMACIÓN CULTURAL DE OUTONO 



No programa “Tomiño Música en Outono”, mestúranse actuacións de grupos de música tradicional, folk, corais e bandas, destacando os concertos de Roi Casal e Lulavai, entre outros. A programación comeza o día 19 de outubro con “Moxenas” e “Os Trasnos da Gaita”

A Concellaría de Cultura do Concello de Tomiño vén de presentar a súa Programación de Outono 2013, adicada especialmente á música.

No programa cultural “Tomiño Música en Outono”, mestúranse actuacións de grupos de música tradicional, folk, corais e bandas, destacando os concerto de Roi Casal e Lulavai, ambos os dous coa arpa coma instrumento protagonista.

A programación comeza o día 19 de outubro con “Moxenas” e “Os Trasnos da Gaita”, ambos grupos de música tradicional.

O día 9 de novembro actuará en concerto o grupo “Lulavai”. 

O día 30 de novembro, será Roi Casal o que achegará a súa música de arpa ata Goián. 
Estas tres actuacións serán no Auditorio de Goián ás 22.00 horas, con entrada xeral de 3 euros.

A programación continúa en decembro co grupo “Can de Palleiro”, que brindará un concerto solidario o día 8 ás seis da tarde. Neste caso a entrada será un alimento que se destinará á ONG SOS Tomiño.

O 15 de decembro, ás 18.00 horas actuará no auditorio a Coral Polifónica de Tomiño cun concerto de Nadal e entrada libre, e o 22 fará o propio a Agrupación Musical de Goián (tamén ás 18.00 e entrada de balde).

Pechará o ciclo de outono “Airiños Novos de Pinzás”, o día 29 de decembro, coa presentación do seu disco “O buraco dos mouros”. Tamén no auditorio goianés, ás 18.00 e entrada libre.

A concelleira de Cultura, Cristina Martínez, explica que cada temporada do ano, o Concello pretende dedicar a programación a unha rama diferente da cultura e das artes, sendo esta a da música, así coma anteriormente se dedicou ao teatro, ao humor, etc.

Dende o Concello, agardan que esta nova programación cultural sexa tan ben acollida coma as anteriores, que gozaron do aplauso do público na súa totalidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario