A PRESIDENTA DE ACIGU RECORRE Á GUARDA CIVIL PARA DESALOXAR A EMPRESARIOS GUARDESES LOGO DE NEGARLLES UNHA RECEPCIÓN
A presidenta da Asociación de Empresarios de A Guarda (Acigu), Carmen María García Braga, desaloxou onte, logo de chamar á Guarda Civil, a un colectivo de empresarios e comerciantes guardeses da sede da asociación. Este grupo de comerciantes solicitara previamente unha reunión con ela en relación ás dificultades que esta manifestou en contra da iniciativa Mercado do Reló.
Preto dunha vintena de representantes do comercio guardés decidiron onte acudir en persoa á sede de Acigu logo de non recibir contestación a unha carta enviada por burofax o pasado venres e na que se convidaba a García Braga a explicar os motivos que a levan a poñer trabas e impedir a celebración do Mercado do Reló. Este grupo de empresarios esperaba coñecer así as razóns da súa oposición a unha iniciativa que tivo boa acollida por parte do público e do comercio nas tres edicións celebradas e ten idea de repetirse nos próximos meses.
A presidenta de Acigu tan só notificou un comunicado a aqueles empresarios que eran asociados, negándose a recibir a aqueles que non o foran. Por ese motivo, e sen que o colectivo de comerciantes empregara a violencia nin faltara o respecto, Carmen García Braga decidiu chamar a Guarda Civil para evitar esa reunión e botalos fora da sede de Acigu.
Este grupo de empresarios non forma parte de ningunha asociación e acudía á cita como representantes directos dos seus comercios, xa que este colectivo non se sente representado de maneira algunha por García Braga. Consideran ademais que esta é unha traba máis as iniciativas necesarias no momento actual de crise que está atravesando o comercio guardés.
Na carta remitida á presidenta de Acigu este grupo convidábaa a facer achegas que puideran beneficiar o sector servicios e extendía a invitación a esa xuntanza aos distintos grupos políticos do goberno municipal.
Fonte: Mercado do Reló
Ningún comentario:
Publicar un comentario