12 de nov. de 2012

BAIXO MIÑO


O BNG fai un chamamento no Baixo Miño á participación na Folga Xeral este 14 de novembro
Xosé Manuel Méndez: "A mobilización social sempre é útil e sempre dá froitos, os dereitos conquístanse na rúa.”


Infogauda / Baixo Miño

O Bloque Nacionalista Galego fai un chamamento no Baixo Miño a secundar esta folga xeral  convocada para o 14 de novembro e a participar da manifestación que terá lugar a partires das 11:30h na Praza dos Cabalos de Vigo. Dende a Organización nacionalista lémbrase que a mobilización social masiva  é chave para forzar o cambio das políticas económicas que nos levaron ao actual desastre social. “A mobilización social sempre é útil e sempre dá froitos, os dereitos conquístanse na rúa” declarou o Responsábel Comarcal do BNG Xosé Manuel Méndez.

A situación concreta de Galiza fai que teñamos aínda máis motivos que o resto do estado para irmos á folga:  o noso país conta cos salarios e pensións máis baixos, sofre cada día máis o drama de emigración xuvenil e rexistra a día de hoxe o maior nivel de paro da súa historia.

Dende o Bloque Nacionalista Galego considérase que unha folga xeral masiva é a única forma de parar os novos recortes que o PP prepara para cando se decida a pedir o rescate.

O BNG estará presente nesta folga xeral con máis forza que nunca para defender os dereitos que tantos sacrificios levou conquistar e para abrir o camiño ao cambio radical que precisa Galiza, un cambio a favor da xustiza social e da soberanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario