21 de set. de 2012

O ROSAL

O BNG do Rosal congratúlase de que a convocatoria de eleccións fixera que se reiniciaran as obras de mellora da estrada do Morán e rotonda de Couselo



Infogauda / O Rosal


O BNG do Rosal mostra a súa satisfacción polo reinicio das obras de mellora da estrada do Morán e a rotonda de Couselo, despois dunha longa espera.
                                          
Segundo o voceiro nacionalista, Alberte Alonso Pereira, “despois dun parón de preto dun ano, durante o cal a veciñanza tivo que transitar por unha estrada en obras cun aspecto de absoluto abandono, os traballos reiniciáronse o pasado dia 11 de setembro, coincidindo sospeitosamente coa convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galiza. O que non consegue facerse co tempo, conségueo a convocatoria dunas eleccións”, afirmou.

Dende o BNG indican que non é algo que sorprenda. É unha práctica á que os sucesivos gobernos do PP nos teñen afeitos. O comezo desta mesma obra fíxose coincidir coa convocatoria das últimas eleccións municipais. Daquela xa pasaran varios anos dende que o Pleno do Concello, aprobara por unanimidade a proposta do BNG de facer melloras para paliar a perigosidade do cruce de Couselo.

Engaden os nacionalistas que dende a súbita paralización, a estrada permaneceu nunhas condicións que produciron, durante aproximadamente un ano, continuas molestias. Asemade puxeron en risco a seguridade dos que por alí transitaban.  Pedras na calzada, ferros con sinais que, abandonados e ás veces deteriorados,  puxeron en perigo a circulación.

Os nacionalistas pregúntase por que non se reiniciaron antes e indican que, dende o seu punto de vista, queda claro que para o alcalde os intereses do partido están por riba dos intereses dos veciños do Rosal. Soamente cabe esperar non ter que esperar ás seguintes eleccións municipais para velas rematadas, conclúen.

Ningún comentario:

Publicar un comentario