19 de xul. de 2012

TUI

A RÚA É DE TODOS CONSEGUE QUE SE RETIRE A ACTUAL ORDENANZA DE CONVIVENCIA CIDADÁ E RECLAMA A CREACIÓN DUNHA COMISIÓN COA OPOSICIÓN PARA A SÚA REFORMULACIÓN


A Plataforma A Rúa é de Todos presentou entre os días 18 e 19 de Xullo do 2012, no rexistro do Concello de Tui, preto de 2.000 sinaturas en contra da Ordenanza de Convivencia Cidadá. 




A Rúa é de Todos / Tui

Durante o período de exposición ao público a Plataforma levou a cabo diferentes accións para sensibilizar á poboación e divulgar os contidos da ordenanza municipal. Entre as actividades realizadas podemos destacar a pegada de carteis e pegatinas informativas, a venda de chapas e a convocatoria dunha manifestación multitudinaria que tivo lugar no Paseo da Corredoira o pasado sábado 7 de Xullo.

Toda a actividade desenvolvida pola Plataforma foi divulgada a través dos medios de comunicación, tanto a nivel local como nacional, na prensa, a través da web, na televisión e na radio.

O mencionado día 19, tras a súa entrega de alegacións, representantes da Plataforma A Rúa é de Todos tiveron unha reunión co Concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadá, o Sr. Ángel Gutiérrez, responsábel de dita Ordenanza; onde conseguiron o compromiso pola súa parte da retirada da actual Ordenanza, así como o estudo da creación dunha comisión con integrantes da oposición e con representantes de asociacións culturais para o seu estudo e reelaboración. A Plataforma conta tamén con que esta medida tomada polo concelleiro sexa oficialmente anunciada no próximo pleno do día 26 de Xullo.

Dende “A Rúa é de Todos” esperamos que deste xeito a redacción desta Ordenanza, que afecta a toda a cidadanía, sexa o resultado dun consenso real entre todos os grupos políticos e os principais afectados polos seus contidos, como poden ser os hostaleiros ou as casas culturais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario